Xustiza

A sobrevivente do accidente de Cerdedo en Noiteboa exculpa o condutor: "Conducía ben, non deu volantazos"

Autobús sinistrado en Cerdedo-Cotobade en decembro de 2022, co resultado de sete mortes. (Foto: Europa Press)
"Tocounos a nós como lle puido tocar a calquera", declarou Rosario González ante o xuíz.

A única pasaxeira sobrevivente do accidente de autobús ocorrido en Cerdedo-Cotobade (comarcas de Pontevedra e Terra de Montes) a pasada Noiteboa, declarou esta quinta feira ante o xuíz de instrución que, ao seu xuízo, o condutor "si" gardou todas as precaucións na condución pola estrada N-541.

"Non, en ningún momento", afirmou Rosario González, ao preguntarlle os medios de comunicación á saída do xulgado sobre se aquela noite do 24 de decembro sentiu que o chofer conducía a máis velocidade da que debía antes de que o vehículo se precipitase polo viaduto de Pedre cara ao río Lérez, un sinistro que lle custou a vida a un total de sete persoas. González asegurou que en ningún momento percibiu "volantazos" nin movementos bruscos na condución e engadiu que o condutor era consciente das malas condicións.

Segundo o informe da Garda Civil, o autobús ía a máis de 80 quilómetros por hora, que sería o límite máximo estabelecido nese tramo. Con todo, a defensa do condutor desménteo e atribúe o ocorrido á meteoroloxía adversa e ao estado do bus.

A única sobrevivente declarou no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra que non sentiu ese exceso de velocidade e confirmou que, ante o xuíz, só tivo "palabras boas" para o chofer, porque a "axudou" tras a caída ao Lérez.

"Tocounos"

"Tocounos a nós como lle puido tocar a calquera", afirmou a sobrevivente, que perdeu unha amiga no accidente. A muller padece secuelas física e psicolóxicas, que lle están afectando o coidado da súa filla, segundo explicou ela propia aos medios.