Soben a 2.489 as mortes con Covid na Galiza, após 6 novos decesos, dous deles en residencias

Un equipo das Urxencias Sanitarias da Galiza (M. Dylan / Europa Press).

Seis novos falecementos notificados este 6 de agosto aumentan a cifra de mortes con Covid-19 na Galiza a 2,489.

A Consellaría de  Sanidade notificou esta sexta feira, 6 de agosto, o falecemento doutras seis persoas con Covid-19, co que o total de vítimas mortais da pandemia ascende a 2.489 na Galiza.

Así Sanidade informou este 6 de agosto do falecemento de tres homes (as mortes producíronse o día antes): un home de 82 anos de idade que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e que procedía da residencia Santo Estevo de Perlío (Fene); outro home de 84 anos, usuario da residencia DomusVi Vigo e que estaba no Complexo Hospitalario Universitario da cidade olívica; e un terceiro home, de 88 anos, que tamén estaba ingresado no complexo sanitario vigués.

Ademais, rexistrouse o falecemento, esta sexta feira, dunha muller de 85 anos de idade, ingresada no Hospital do Salnés; unha muller de 91 anos que estaba no hospital Povisa en Vigo; e un home de 95 anos, ingresado no Hospital Lucus Augusti de Lugo.

Segundo informaron fontes sanitarias, todas e todos os falecidos presentaban patoloxías previas.

Os contaxios, por riba do milleiro

Por outra banda, a Galiza mantén os contaxios de Covid-19 por riba do milleiro por terceiro día consecutivo con 1.018 novos positivos. Os casos activos descenden a 18.195 e soben os pacientes hospitalizados a 308. Os casos activos volven baixar e sitúanse en 18.195, 448 menos que un día antes. Con respecto a hai unha semana, Sanidade rexistra unhas 700 infeccións activas menos que o pasado 30 de xullo.

As persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI ascenden nesta sexta feira a 53 -unha máis que onte- e as hospitalizadas noutras unidades soben a 255 -cinco máis-. Ademais, hai 17.887 pacientes en seguimento nos seus domicilios.