Aumenta a presión hospitalaria, até 325 ingresados, malia continua baixada de casos activos

Os  contaxios detectados nun día mantéñense en 112, a metade deles na área da Coruña-Cee.

O número de pacientes de Covid-19 hospitalizados na Galiza rexistrou outra repunta nas últimas horas. En concreto, hai en total 325 persoas ingresadas con coronavirus, cinco máis que as notificadas hai un día, aínda que si que diminuíron a 74 -un menos- os que se atopan en unidades de coidados intensivos (UCI).

Isto significa que, malia o continuo descenso dos casos activos, que se sitúan nos 2.682, e do mantemento dos contaxios detectados nun día, en 112, a cifra de ingresados non descende con tanta rapidez.

De acordo cos datos feitos públicos esta segunda feira pola Consellería de  Sanidade, actualizados ás 18:00 do domingo, a maioría das áreas sanitarias notificaron unha suba da presión hospitalaria.

É o caso da da Coruña-Cee, que contabiliza 124 ingresados, un máis que o día anterior, aínda que baixaron nun, ata os 27, os que están na UCI. En Vigo, os hospitalizados ascenderon 1, a 49 en total, aínda que se manteñen en 14 os enfermos en coidados intensivos.

Ademais, aumentou a presión asistencial en Ourense-Verín-O Barco de  Valdeorrras, con 25 ingresados (+4), dos que tres (sen cambios) están críticos; e en Lugo-A Mariña-Monforte, con 25 (+1), seis deles (sen variacións) na UCI.

Nos hospitais de Ferrol, os ingresados mantéñense estábeis, en 33, dos que nove seguen en coidados intensivos; igual que nos de Pontevedra-O Salnés, con 25 hospitalizados, oito deles críticos.

A única área sanitaria na que se reduce a presión hospitalaria nos datos de hoxe é Santiago-Barbanza, con 34 ingresados -dous menos-, sete destes na UCI.

A pesar do aumento da presión asistencial, a cifra de casos activos continúa á baixa e sitúase nos 2.682 en total, nun nivel similar a finais de agosto. Nas últimas 24 horas, descenderon en 67, o que significa que se produciron máis altas que novos contaxios por coronavirus, pero a caída retárdase con respecto a semanas pasadas.

A taxa de positividade subiu levemente até o 2,1%, tras o 1,5% dos datos do domingo. Con todo, Galiza continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Faleceron na Galiza 2.300 persoas diagnosticadas con este coronavirus, tras notificar o Sergas na noite deste domingo catro novas vítimas.