O incendio de Pantón é o único que permanece activo na Galiza

Efectos do lume en Valdeorras. (Foto: Nós Diario)
No que vai de agosto arderon na Galiza algo máis de 8.000 hectáreas.

O incendio de Pantón, con 25 hectáreas, é o único que queda por extinguir a estas horas na Galiza, após as choivas rexistradas esta última noite en gran parte do país.

Segundo o último parte informativo da Consellaría de Medio Rural, o incendio de Laza, que comezou hai unha semana na parroquia de Camba, permanecía controlado esta cuarta feira. Este incendio fusionouse co declarado no municipio de Chandrexa de Queixa. Pasadas as 12 horas, a consellaría informaba da extinción definitiva deste lume.

O outro lume aínda sen extinguir é o de Pantón, na parroquia de Frontón, iniciado no día de onte. Porén, Medio Rural sinalou que se atopa estabilizado, 

Por outra parte, na noite de onte quedou extinguido o incendio de Ribas de Sil, que afectaba a parroquia de Torbeo, tras arrasar 47 hectáreas.

Tamén quedaron extinguidas ao longo da tarde as chamas en Oímbra e en Riós, onde a extensión que ardeu foi de 88,83 hectáreas e 94,1 hectáreas, respectivamente.

8.000 hectáreas ardidas en agosto

Polo de agora xa arderon máis de 8.000 hectáreas na primeira metade de agosto. Especialmente preocupante é a situación no sueste do país, convertido en zona cero dos lumes nas últimas semanas.