Só unha de cada cinco enfermeiras galegas fixo as probas do coronavirus ante un posíbel contaxio

A metade das enfermeiras galegas participantes din ter recibido "pouca" formación. (Europa Press)
O Consello Xeral da Enfermaría estima que unicamente unha de cada cinco profesionais galegas (20,2%) se someteu ás probas do coronavirus ante un posíbel contaxio. O estudoestá  baseado nunha sondaxe que se realizou nas últimas dúas semanas en todo o territorio estatal con máis de 11.156 enquisas e que fixa a media de tests realizados entre as enfermeiras en 23,3%, algo por enriba da taxa galega.

Como recolle o estudo, 14,1% das probas que se fixeron na Galiza mostraron resultado positivo, mentres que 17,5% de profesionais de enfermaría entrevistadas manifestaron ter sufrido síntomas, unha cifra sensibelmente inferior á media global, de 29%.

De acordo con este informe, máis da metade das profesionais galegas da enfermaría sondadas (57,5%) di ter recibido "pouca" formación para a atención de pacientes con COVID-19, e outro 23,5% manifesta que non tivo ningunha clase de formación. 

Sobre a dispoñibilidade de material de protección para realizar o seu traballo, a enquisa revela que máis de dous terzos das enfermeiras galegas participantes ven "pouco" o material do que dispón a súa unidade e 3,9% afirma que non ten "nada". A respecto dos EPI –os Equipos de Protección Individual–, un terzo das profesionais galegas (32,2%) apuntan que non recibiron ningún tipo de adestramento no seu manexo, mentres que 55,6% delas consideran que esa formación foi "escasa". 

Esta mesma semana, os catro Colexios Oficiais de Enfermaría da Galiza trasladaron á Consellaría de Sanidade unha serie de necesidades, entre as que se conta a dotación de material e equipos de protección adecuados ao conxunto profesional da sanidade, con "formación apropiada" para a súa utilización. 

Entre as reclamacións, os entes profesionais piden ademais que se "continúen realizando" tests diagnósticos ás e aos profesionais sanitarios que teñan sufrido riscos de contaxio polo desenvolvemento da súa actividade profesional, así como o cumprimento de medidas preventivas de corentena, e "agradecen" á Xunta que teña cambiado de protocolo para a incorporación de sanitarias tras un contaxio por coronavirus, que agora require un resultado negativo para a alta.  

No informe do Consello Xeral da Enfermaría, as traballadoras galegas suspenden tanto o Goberno español (cun 4,09) como á Xunta (4,38) na xestión desta crise sanitaria, se ben con notas que están, nos dous casos, por riba da media da enquisa.