"O sistema enteiro favorece a inflamabilidade": O Grupo de Estudos Territoriais da UDC ofrécese para construír "un modelo territorial máis xusto"

Vista aérea, o 20 de agosto, após o incendio en Laza (comarca de Verín). (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

O colectivo universitario alerta de que o problema é sistémico: unha ordenación do territorio fragmentaria ou inexistente, unha política forestal subordinada a lóxicas industriais, un rural desprezado e unha terra que, cando arde, pode trocar de uso, de dono ou de función. A isto engádese o contexto global da emerxencia climática, que multiplica frecuencia, intensidade e extensión dos lumes.

O Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña (GET-UDC) vén de expresar a súa fonda preocupación perante a vaga de incendios que está a afectar o país. Lembran que non se trata dunha suma de feitos illados, senón da consecuencia dun modelo territorial e forestal en crise. "Sabemos que non chega con denunciar: cómpre propor, acompañar e transformar", sinalan.

O colectivo universitario alerta de que o problema é sistémico: unha ordenación do territorio fragmentaria ou inexistente, unha política forestal subordinada a lóxicas industriais, un rural desprezado e unha terra que, cando arde, pode trocar de uso, de dono ou de función. A isto engádese o contexto global da emerxencia climática, que multiplica frecuencia, intensidade e extensión dos lumes.

Por iso, o GET-UDC considera urxente unha política territorial e forestal sustentábel. Reclaman unha ordenación con visión de longo prazo, que combata o abandono do rural e promova o equilibrio urbano-rural; a diversificación do monte en mosaicos adaptados a cada realidade; o protagonismo das comunidades locais; a coordinación real entre administracións baseada en evidencias científicas; e a promoción dunha cultura social de coidado do territorio.

"O desánimo e a frustración non poden estenderse", advirten desde o grupo de estudos. "É hora de reforzar a confianza cidadá na capacidade colectiva de actuar". O chamamento é dobre: expresar a dor e a preocupación compartida, mais tamén activar reflexión, investigación e propostas transformadoras.

Nesa liña, a universidade comprométese a avanzar en medidas concretas: formación da veciñanza en prevención e detección temperá, dignificación das brigadas voluntarias, incremento de medios públicos fronte a privatización, mellor planificación do monte con cortalumes ecolóxicos e maior implicación cidadá como fórmula de corresponsabilidade.

Lembran que a maioría dos incendios teñen orixe humana, mais insisten en que non abonda con apuntar incendiarios illados. "O sistema enteiro favorece a inflamabilidade cando recorta medios de prevención, normaliza a precariedade das equipas, promove monocultivos intensivos ou ignora a voz das comunidades", denuncian. Para o GET-UDC, sen gobernanza real e visión de conxunto, a responsabilidade individual fica desbordada, e o silencio político "é especialmente preocupante".

Finalmente, o colectivo agradece o labor dos servizos de extinción, brigadas, bombeiros, voluntariado e veciñanza organizada. "A súa dignidade mantén viva a esperanza cando o sistema falla". O compromiso do GET é pór coñecemento, análise e palabra ao servizo dun país que quere vivir, non só resistir. "Galiza merece un presente e un futuro diferentes. É tempo de defender a terra con argumentos, sensibilidade e acción compartida. Unha vida sen cinzas", conclúen.