Sindicatos de Renfe e Adif convocan sete días de folga xeral polo traspaso de Rodalies a Catalunya

Tren estacionado na estación de Ourense nunha imaxe de arquivo. (Foto: Adif)

Mobilizaranse tamén contra a privatización que cren que se está levando a cabo en Renfe Mercadorías coa entrada de MSC no capital.

Os comités de empresa de Renfe e Adif convocaron de forma conxunta sete xornadas de folga en todo o Estado español, que comezarán o próximo 17 de marzo cun paro de 24 horas, contra a forma na que se están traspasando as competencias de Rodalies a Catalunya.

Fontes sindicais explican que ao 17 de marzo seguiranlle outros dous días de paros completos, o 26 de marzo e o 1 de abril, mentres que os días 19, 24, e 28 de marzo, así como o 3 de abril, os paros serán parciais ao longo de tres quendas.

En concreto, o día 19 pararase desde as 6 horas até as 9, de 14 a 17 e de 21 a 23; o 24 de marzo e 3 de abril de 6.30 a 09.30, de 14.30 a 17.30 e de 20.30 a 22.30; mentres que o 28 de marzo será de 6 a 9, de 13.30 a 16.30 e de 20.30 a 23.30.

Ambos os comités consideran que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel, encabezado por Óscar Puente, incumpriu os acordos que en novembro de 2023 provocaron a desconvocatoria dunha primeira folga.

Eses acordos estabelecían que o grupo Renfe e Adif continuarían sendo os prestadores dos servizos de Rodalies e Renfe Mercadorías, que se preservaría a integridade do persoal en ambas as empresas públicas e que se estabelecerían grupos de traballo e negociación para adoptar solucións consensuadas.

Con todo, os comités, compostos por Semaf, CCOO, UXT, CXT, SCF e SF, consideran que estes compromisos foron vulnerados tras a última reunión co Ministerio, decorrida o 17 de febreiro, na que se anunciou a exclusión da liña R1 da Rede Ferroviaria de Interese Xeral (RFIX) e a creación dunha empresa mixta allea a Renfe para asumir progresivamente todas as actividades operativas de ambas as empresas públicas estatais.

"As organizacións sindicais foron meros receptores desta información, sen posibilidade de participación na toma de decisións. Estas medidas supoñen unha ruptura total dos acordos previos, dado que as solucións adoptadas polo Ministerio en coordinación coa Generalitat son diametralmente opostas ao pactado", defenden nun comunicado conxunto.

Por unha banda, a exclusión da RFIX implica que esa liña xa non estarán suxeitas á normativa de seguridade, operación e material rodante estabelecida a nivel europeo e regulada en España pola Lei do Sector Ferroviario e a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, o que podería traducirse nunha diminución dos estándares de seguridade e na perda de interoperabilidade co resto da rede ferroviaria española e europea.

Ademais, as liñas afectadas foron financiadas con fondos da Unión Europea para fomentar a interoperabilidade ferroviaria no continente, polo que a súa exclusión podería derivar en sancións por incumprimento das condicións estabelecidas nos pregos de concesión destes fondos.

Duplicidade de custos

Por outra banda, os sindicatos denuncian que as intencións de ambas as administracións (Goberno e Generalitat) non supoñen unha mellora do servizo, senón un aumento do custo que recaerá sobre os cidadáns, xa que se pretende duplicar o armazón societario cun novo presidente, conselleiros e estruturas paralelas para prestar un servizo que xa ofrece unha empresa pública.

"Esta duplicidade afectará tamén as economías de escala na compra de trens, materiais, instalacións de circulación e seguridade, formación e habilitacións", argumentan.

Os comités lembran que a Generalitat ten transferidas as competencias de Rodalies desde 2010, pero até o de agora non as exerceu plenamente, e insisten na súa proposta para que a Generalitat xestione e mellore o servizo mantendo como operadores a Renfe e Adif, seguindo un modelo similar ao da sanidade catalá, onde diferentes centros sanitarios sen titularidade da Generalitat prestan servizo público dentro do Siscat.

Renfe Mercadorías

A parte do traspaso de Rodalies, a folga tamén foi convocada para denunciar o proceso de "privatización encuberta" que cren que o Goberno está a levar a cabo a través da creación dunha nova sociedade controlada pola compañía loxística MSC, á que Renfe quere dar entrada no seu capital.

"Para facilitar esta transición, está a permitirse a deterioración da empresa pública mediante accións como non concorrer a novas contratacións de carga de traballo, obstaculizar o labor dos comerciais na captación de clientes ou bloquear a operatividade dos trens por inacción dos centros de xestión", conclúen.