Un sindicato médico eleva a 200 os vacinados en Pontevedra de maneira irregular

Unha sanitaria sostén unha vacina da Covid-19. (Foto: Sven Hoppe / Dpa)
A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galiza ( CESM) acusa a dirección da área sanitaria de Pontevedra de "incumprir" as instrucións do plan de vacinación.

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galiza ( CESM) elevou a unhas 200, e non as 17 recoñecidas polo Servizo Galego de Saúde, as persoas que foron vacinadas en Pontevedra de maneira irregular, xa que ningunha delas ten relación directa con pacientes covid-19.

O sindicato, nunha comunicación, acusa a dirección da área sanitaria de Pontevedra de "incumprir" as instrucións do plan de vacinación e priorizar a inmunización de persoal de admisión, informática, cociña, laboratorios centrais, administrativos ou servizos non esenciais.

Estes sumarían 150 doses en total, ás que a CESM engade outras 50 vacinas que foron fornecidas a persoal dun hospital privado de Pontevedra, o Quirón Salud Miguel Domínguez, que tampouco está en "primeira liña" contra a Covid-19.

O problema, subliña este sindicato, "non é que se vacinou estes traballadores" senón que "se deixou de inmunizar o persoal que está de forma permanente en contacto con pacientes, potencialmente enfermos ou  transmisores da infección"

O problema, subliña este sindicato, "non é que se vacinou estes traballadores" senón que "se deixou de inmunizar o persoal que está de forma permanente en contacto con pacientes, potencialmente enfermos ou  transmisores da infección".

A través dun escrito que dirixiron ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, desde a  CESM esixen que se tomen medidas "con carácter inmediato" para resolver esta situación de "extrema gravidade" ante o risco de contaxio do persoal sanitario.

A este respecto, asegura que no caso de que algún dos profesionais non vacinados contraia a covid-19 no seu posto de traballo estudarán acudir aos tribunais para esixir "responsabilidades" á administración sanitaria galega.

A  CESM acusa ademais á Xerencia da área sanitaria de "falta de transparencia", ao anunciar un "erro puntual" con 17 traballadores non prioritarios vacinados e reprocha á Xunta verificar eses datos "sen levar a cabo as comprobacións pertinentes".