Dous titiriteiros, na cadea

A sigla ETA provoca unha forte polémica no entroido madrileño

A Audiencia Nacional decretou o ingreso en prisión sen fianza para Raúl García Pérez e Alfonso Lázaro, os titiriteiros dunha compañía de teatro que exhibiron un cartaz coa sigla ETA nunha representación dentro dos actos do entroido madrileño.

Prisión sen fianza para os dous actores da compañía andaluza Títeres desde Abajo por amosar un cartaz coa sigla ETA nunha representación teatral infantil programada nos actos do entroido madrileño. A obra representada é unha crítica ácida do sistema e dos seus métodos e fai referencias ao anarquismo.

Segundo os membros da compañía tratábase dunha brincadeira con “alkatea” (o que sería “Viva o alcalde”)

No decorrer da función, a policía persegue e golpea unha marioneta. É entón cando un monicreque lle pon ao lado un cartaz coa lenda “Gora Alka-ETA”. En euskera “Alka ETA” non ten significado pero segundo os membros da compañía tratábase dunha brincadeira con “alkatea” (o que sería “Viva o alcalde”).

O escándalo xurdiu cando os pais das crianzas chamaron a policía e denunciaron a compañía. A raíz dos protestos a prensa madrileña afanouse en cargar contra a compañía teatral e, finalmente, a Audiencia Nacional decretou o ingreso en prisión sen fianza dos actores, acusados de apoloxía do terrorismo.

O Goberno de Carmena desenténdese

O Goberno municipal de Madrid tratou de tomar distancias para non se ver salferido politicamente e anunciou unha investigación sobre o caso. Xustificouse afirmando que non vira a representación teatral e anunciou que os servizos xurídicos xa iniciaron as accións para rescindir o contrato cos dous programadores encargados de organizar o entroido. Ademais, a concelleira de Cultura, Celia Mayer, sinalou que o Concello se sente “absolutamente indignado” cos monicreques.

Ademais, o PP avanzou na mañá do domingo que denunciará a delegada de Cultura e Deportes do Concello de Madrid por “colaboración do enaltecemento do terrorismo e desprotección de menores”. Tamén a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, reaxiu tras a polémica e pediu a posta en liberdade dos titiriteiros acusados de apoloxía do terrorismo.

Pola súa banda, amigos dos presos aseguran que o Concello non lles informou de que o público da representación teatral serían nenos de entre un e oito anos, segundo publica este domingo El Español.