Sete colectivos piden ao Sergas e á Valedora a “paralización inmediata” do traslado dos paridoiros do CHUO

Mobilización este 14 de xullo ante o CHUO. (Foto: Nós Diario)

Manteñen que o novo emprazamento “non cumpre cos requisitos mínimos necesarios” para garantir unha atención adecuada e segura aos partos.

Arrolos de Teta, Marcha Mundial das Mulleres, O Parto é Noso, Petra Maternidades Feministas, SOS Sanidade Pública Ourense, Asociación Galega de Matronas e o persoal da Área de Partos e do Servizo de Espertar (enfermaría, celadoras, técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e matronas) remitiron un escrito á Valedora do Pobo e á xerencia da área sanitaria de Ourense do Sergas no que solicitan formalmente  a paralización inmediata do traslado dos paridoiros actualmente ubicados no edificio materno do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, ao novo lugar na CMA debido á insuficiencia do mesmo para xestionar adecuadamente o servizo”.

Argumentan que o novo emprazamento destinado aos paridoiros non cumpre cos requisitos mínimos necesarios para garantir “unha atención axeitada e segura aos partos. Isto inclúe falta de capacidade, infraestrutura inadecuada, precariedade das instalacións, falta de baños, perda da única sala de parto natural, etc...”.

Tamén aluden ao “impacto potencial”. Explican que a insuficiencia do novo lugar resultará “no atentado contra os dereitos das mulleres e súas crías, tales como o dereito á intimidade, o acceso a baño privado todas as veces que precise, aumento de intervencións por limitacións estruturais e loxísticas (falta de movemento libre, espazo para pelotas e elementos de agarre, carencia de soportes para a analsexia non farmacolóxica)”.

Engaden do risco de “impactos negativos como o empeoramento dos resultados maternofetais, dificultade para respectar o dereito a estar acompañadas, aumento do risco de sufrir iatroxenia, separacións innecesarias, obstaculización para a correcta instalación da lactancia materna...O que incidirá no deterioro da saúde pública, vulneración total da lei de protección de datos, o que supón perda da confidencialidade, incumprimento dos estándares mínimos de calidade e humanización do parto”.

Lembran que o Ministerio de Sanidade, na súa Estratexia de Atención ao Parto Normal, estabelece que: “O entorno debe garantir condicións axeitadas de privacidade, respecto e protagonismo da muller durante o parto.”

Ademais, engaden, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece como esencial que as mulleres poidan dar a luz nun ambiente que preserve a súa intimidade e liberdade de movemento, condicións que neste caso non se poderán cumprir.

Afirman que o director de Procesos Asistencialis recoñeceu ás mulleres embarazadas que acompañou a visitar a zona da CMA  a profunda carencia e insuficiencia das mesmas. “Neste mesmo encontro, alegou que o traslado vese presionado pola situación do antigo materno, e que aínda que non sexa o adecuado, hai que aceptalo porque non hai outro lugar e baixo a crenza de que será algo temporal. Pero non proporcionou ningunha data para esa temporalidade, tampouco esta segunda feira día 14 de xullo. Tamén asegurou que as actuais instalacións dos paridoiros son plenamente funcionais e seguras dende o certificado arquitectónico após o reforzo que recibiron os teitos que caeron o ano pasado, pero que se mudaban para que todo o proceso de ingreso parto e puerperio estivese na mesma zona, porque as habitacións de maternidade son as que teñen alto risco de derrube”.

Consideran, pois, que o traslado dos paridoiros debe ser cancelado até que non se proporcionen unhas instalacións que cumpran os mínimos de seguridade e respecten os dereitos de usuarias e traballadoras.