Sete de cada dez pisos turísticos que operan na Galiza carecen do novo rexistro oficial
Desde esta terza feira, 1 de xullo, é obrigatorio que todos os inmóbeis que se alugan a través de plataformas dixitais como pisos turísticos estean dados de alta nun rexistro único. Esta norma europea entrou en vigor en xaneiro mais cunha moratoria de seis meses de período transitorio que agora vén de expirar. Segundo os datos do Ministerio de Vivenda, apenas 32% dos pisos turísticos da Galiza solicitaron até o momento o número de rexistro para poder alugar de forma legal.
Desde o pasado 2 de xaneiro rexistráronse na Galiza un total de 7.317 solicitudes para a obtención do Número de Rexistro do Aluguer, obrigatorio de acordo coa normativa europea vixente. E desde onte, 1 de xullo, este código é obrigatorio para poder operar en plataformas en liña transaccionais con alugueres turísticos ou de tempada, diferenciando se o son por habitacións ou por vivenda completa, entre outros aloxamentos de curta duración e que impliquen unha remuneración económica.
Desas 7.317 solicitudes, un total de 6.829 corresponden a pisos de uso turístico existentes ao longo do territorio galego –os restantes son considerados de aluguer de curta duración–. E, delas, 3.147 están activas de maneira definitiva, 3.167 son provisionais —é dicir, están pendentes de se verificaren por medio do Colexio de Rexistradores, que ten un prazo de 15 días para facelo—, mentres que outras 515 peticións foron xa revogadas. Así pois, unha vez descontadas as solicitudes anuladas, son 6.314 os pisos na Galiza que pediron a súa alta.
Un de cada tres
Os datos do propio Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre os pisos turísticos no Estado español —os últimos dispoñíbeis corresponden ao fechamento de 2024— indican que na Galiza había 19.676 vivendas de uso turístico (VUT). Partindo destas cifras, e comparándoas cos datos ofrecidos polo Ministerio de Vivenda, eses 6.314 son apenas 32% dos pisos de uso turístico presentes no conxunto do país figuran neste novo rexistro; ou, o que é o mesmo, un de cada tres. Unha porcentaxe moi baixa, 14 puntos inferior á media do Estado, onde até 46% das vivendas vacacionais xa foron inscritas no novo censo actualmente en vigor.
Os datos ofrecidos polo departamento que dirixe Isabel Rodríguez indican, no caso da Galiza, importantes diferenzas por provincias a respecto da solicitude de inscrición no novo censo. En Lugo, 40% dos alugueres de uso turístico solicitaron estar no novo rexistro único. Unha porcentaxe que case iguala Pontevedra, con 39% das VUT que pediron estar no novo censo. No outro extremo figuran as da Coruña e Ourense, onde só 27 e 25%, respectivamente, deron ese paso. Unhas porcentaxes que indican que apenas unha de cada catro están no rexistro.
O Estado español foi o primeiro de toda a Unión Europea en aplicar esta normativa comunitaria referente aos arrendamentos de curta duración, coa vista posta en ser unha ferramenta para poder controlar os pisos turísticos.
Pisos turísticos "ilegais"
O Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 remitiu o pasado mes de maio un arquivo dixital á Xunta da Galiza cos datos que recompilou a Unidade de Análise de Consumo en relación ao número de vivendas que se anuncian en plataformas en liña como aloxamentos turísticos no territorio galego. Segundo os datos de Consumo, na Galiza había naquela altura 15.740 anuncios de vivendas turísticas, dos cales polo menos 9.647 serían "ilegais" segundo a propia normativa galega, posto que non presentan a licenza pertinente –non inclúen o número de inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Galiza ou, na súa falta, o código acreditativo da presentación da declaración responsábel–, o que suporía para o Ministerio unha "infracción grave" da Lei do turismo da Galiza.
Entre os anos 2021 e 2025 acelerou de forma considerábel a mudanza do mapa da vivenda na Galiza: o número de pisos para arrendar descenderon en 40% ao tempo que as vivendas de uso turístico (VUT) duplicaban o seu número. E, de forma paralela, os prezos do aluguer incrementáronse durante este lustro na Galiza, de media, en case 30%, destacando especialmente o caso das cidades.