#Sermos369: Unha transición enerxética inevitábel

Xa está no prelo o número 369 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa a partir da noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira.

Dúas centrais térmicas de Galiza botarán o peche nos próximos anos, un proceso que afecta tanto ao persoal traballador como ás comarcas das que fan parte. Esta nova situación coloca Galiza nunha encrucillada perante un novo modelo enerxético que se iniciou co proxecto de descarbonización proposto pola Unión Europea. Como tema de primeira, abrimos un novo número do semanario Sermos Galiza en papel cunha reportaxe sobre a situación de Galiza perante esta transición enerxética. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

En Opinión, as palabras de María Pilar García Negro e Xavier Queipo así como unha nova entrega de “A ollo nu", a sección que semanalmente asina Xoán Costa, e o humor gráfico das mans de Tokio e Carlos Latuff.

En Sociedade debullamos a problemática na colleita da castaña galega, que se intúe minguada, por causa do avespa chinesa do castiñeiro, unha praga asentada en todo o territorio, e a suba das temperaturas.

A esta séguelle unha reportaxe sobre Outrora, un novo videoxogo que recrea para PC a maior revolta europea do século XV, a Irmandiña.

Economía pon o foco sobre a industria téxtil galega, a ética, a moda sustentábel e as dificultades desta por manterse e medrar en Galiza nun contexto marcado a nivel global pola 'fast fashion'.

Paulo Carril,  secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), centra a entrevista principal desta sección, co gallo do vixésimo quinto aniversario da creación da central sindical e como primeira forza en número de persoas afiliadas desde 2018 en todo país.

Xa na análise política mergullamos na situación censual, concretamente na situación do voto exterior e nas dificultades que atravesan as emigrantes para exercer o seu dereito. Tamén constatamos como a axenda política continúa a deixar de lado as demandas feministas, que, a pesar de gozaren dun espazo no programa electoral, estas non chegan á mesa de debate nas eleccións.

Internacional lévanos até Reino Unido. A unha semana do Bréxit, Johnson, malia teimar en sacar o Reino Unido da UE o 31 de outubro, parece abocado a unha terceira prórroga.

O Fóra de Serie abre cunha reportaxe que lembra os 99 anos da emblemática Revista Nós, mentres prepara a saída o 2 de xaneiro de Nós Diario. Entrevistamos Lucía Pan, directora de fotografía que está detrás de moitos títulos de cinema galego, un oficio totalmente masculinizado. Continúa coas críticas semanais de cinema e literatura, da man de Mario Regueira e Andrés Castro. Ademais, non faltan as colaboracións de Míriam Ferradáns e as súas “Palabras de fume”, a literatura de Claudia Castro, o “Traficando palabras” de Carme Adán e a sección “De memoria” asinada desta volta por Calros Solla.

Pechamos o número cunha camiñada polo concello de Narón, concretamente a costa exterior, coas recomendacións do colectivo Xea, e o selfie co rostro de Ánxela Estévez Salgueiro, capitá do equipo de fútbol gaélico Estrela Vermelha.

No Afondo o Caderno de análise sobre ecoloxismo e o ambiente en Galiza, a cargo de ADEGA, que xa vai polo número 22.

O número 369 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.