#Sermos368: Unha sentenza histórica contra Catalunya

Xa está no prelo o número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa a partir da noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira. Abrímolo cunha reportaxe sobre o tsunami galego na defensa dos ecosistemas forestais.

A emerxencia climática, pero tamén de crecente concienciación sobre os seus efectos, dá contexto á convocatoria que unha vintena de organizacións prepara para este domingo en Compostela en defensa dos hábitats forestais galegos fronte unhas políticas que fomentan a eucaliptización dos montes. Materia á que lle dedicamos o noso Tema de Primeira neste número do semanario.

En Opinión, as plumas de Marga do Val e David Otero, xunto aos cadriños da man de Tokio Carlos LatuffXoán Costa publica unha nova entrega da súa sección semanal A ollo nu.

Sociedade pon o foco na lembranza a Nachortas, cunha escolma de cadriños do humorista gráfico, que colaborou de maneira desinteresada con Sermos Galiza desde os inicios do semanario en papel, onde publicou a última viñeta o 27 de xuño de 2019.

Tamén falamos de como na localidade do Barco de Valdeorras dixeron basta e veñen de aprobar no pleno e por unanimidade unha moción na que informan o Concello da Coruña de que teñen unha rúa dedicada a Serxio Peñamaría de Llano, rexedor durante o franquismo que chegou a disparar “tiros de graza” na comarca de Valdeorras.

Entrevistamos Rafael Granados, quen preside desde 2016 a Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) na Galiza. Leva toda a vida como traballador por conta propia e coñece ben un sector laboral do que dependen no noso país máis de 210.000 persoas. Nesta entrevista amosa certo pesimismo cara a un futuro incerto se non se activan medidas urxentes.

En Economía analizamos como a crise demográfica fai que a riqueza se concentre cada vez máis nos grandes núcleos de poboación. Oleiros mantense como o concello con maior renda per cápita da Galiza e figura xunto cos da Coruña e Santiago de Compostela entre os 50 máis ricos do Estado español.

‘Da batalla industrial á batalla polo escano’: Máis de un millón de votantes, oito cadeiras no Congreso en xogo, unha volatilidade dos apoios que non se vira nin nos inicios da democracia cando o sistema de partidos estaba asentando, seis forzas políticas aspiran a conseguir escano pola circunscrición da Coruña, inestabilidade camiño da estabilidade, din as enquisas. Na axenda dos partidos, un asunto clave: a ameaza de deserto industrial.

En ‘Unha sentenza que “ameaza” as liberdades civís en todo o Estado’ cinco voces de analistas e expertos debullan para Sermos Galiza as implicacións da sentenza do Supremo sobre os líderes independentistas cataláns.

Para o Fóra de Serie abordamos o regreso de The Homens. Declararon unha tregua en 2010, pero non foi defintiva. The Homens, trío de enerxéticas melodías e potentes guitarras e traballadas melodías, regresan aos escenarios e anuncian novas cancións. O pop en galego recupera unha das súas bandas fundamentais. Entrevistamos Patricia de Lorezo, con máis de 20 anos implicada no proxecto Chévere, converténdose en piar fundamental non só sobre as táboas do escenario, mais tamén con labores de dirección, administración, xestión e produción. Como recoñecemento a esta longa traxectoria, recibe este mes o premio Xograresa de Outono, galardón entregado polo Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. A esta séguena as críticas semanais de cinema e literatura, ademais dun paseo polas cores do outono na Ruta da Fraga, en San Xoán de Río. Na nosa serie sobre os campos de concentración franquistas na Galiza centramos o ollar en Betanzos. Rematamos co selfie, co rostro de Verónica Silva Alvite e o seu traballo en Sputnik Labrego.

Esta semana asinan no Fóra de Serie Xulio Carballo, Xosé García e Pepe Barro e Cilia Torna

O número 368 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.