RESUMO

#Sermos348: O PP desínchase a dous anos das galegas

As dúas capas do número 348 do semanario en papel Sermos Galiza.

É cuarta feira e con ela chega o feche dun novo número do semanario en papel Sermos Galiza, que nesta ocasión chega ao 348. Xa está á venda na loxa.

Os resultados das eleccións municipais e as súas consecuencias nas forzas políticas son protagonistas do Tema de Primeira do número 348 do semanario en papel Sermos Galiza, que abre cunha análise relativa aos comicios.

En Opinión, contamos coas sinaturas de David Otero e Marga do Val e en A Ollo Nu Xoán Costa escribe sobre Einstein e a carta a Deus.

Coincidindo co 30 e 31 de maio, Sociedade abre cunha reportaxe sobre o masacre do proletariado coruñés de 1901 e continúa cunha información que recolle as aldraxes da multinacional sueca Ikea á lingua galega.

A loita nas empresas electrointensivas tratámola na sección de economía, que recolle unha ampla reportaxe sobre o negocio que se teceu ao redor das antigas minas, que se comezan a utilizar como vertedoiros.

En Política poñemos de manifesto o rolo da maioría absoluta do PP no Parlamento ás iniciativas lexislativas populares e analizamos os resultados das eleccións europeas.

En Internacional, repasamos da man de Duarte Correa os cinco meses de Goberno de Bolsonaro no Brasil a poucos días de ter lugar unha greve xeral histórica.

En canto ao Fóra de Serie, abrímolo cunha reportaxe sobre os Sete Falares, que terán lugar en Pontevedra, e sobre a arte de contar contos cos testemuños de Pavís Pavós e continuamos cunha entrevista ao cineasta israelí Nadav Lapid, que vén de facerse co premio da Berlinale.

Mario Regueira pon o foco da crítica literaria desta semana en Bergan. E Andrés Castro analiza a película A casa de Jack. Montse Pena Presas fai o propio con tres obras: As voces da auga, Quokka Moka e Cinco minutiños máis.

O colectivo XEA lévanos a coñecer a costa de Vilagarcía de Arousa e Xoán Costa, en Das africanas praias, preséntanos Tanella Suzanne. En canto ás columnas, escriben Pepe Barro, sobre grafismo e deseño, e Xulio Carballo, sobre banda deseñada.

O selfie chega da man de Joam Evans, que vén de recoller en Londres un premio pola iniciativa de deseucaliptización nos montes galegos.

Fechamos o número co calendario de xuño, cortesía da AS-PG e que recolle as efemérides máis representativas do mes.

[O número 348 do semanario en papel Sermos Galiza podes adquirilo na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques]