O Sergas só volverá convocar a quen non se vacinou con AstraZeneca por fallar a citación

Varias persoas agardan ser vacinadas no Instituto Feiral de Vigo, Ifevi. (Foto: Europa Press).
O conselleiro Julio García Comesaña defendeu a decisión de seguir adiante coa vacinación masiva iniciada a pasada fin de semana, 13 de marzo, e avanzou que se estudará o rexeitamento á vacina.

"Hai que distinguir entre os que non quixeron vacinarse por motivos persoais claros e aqueles aos que a mensaxe non lles chegou, aos que é fundamental volver citar", asegurou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha entrevista concedida a Europa Press na que explicou os plans de vacinación do Sergas e as liñas que seguirá para avanzar no proceso de inmunización.

García Comesaña defendeu a decisión de seguir adiante coa vacinación masiva iniciada o pasado 13 de marzo e xustificou a decisión "en base a informes" das axencias europea e española do medicamento.

Nova convocatoria

Ademais, segundo trasladou, o Sergas ten previsto volver citar de forma inmediata a aquelas persoas que non acudiron á chamada da pasada fin de semana porque o sistema de aviso "fallou" e, por tanto, non recibiron de forma correcta a información.

A maiores, revelou que o Servizo Galego de Saúde "realiza un estudo" dos motivos das ausencias e os rexeitamentos á vacinación, tanto as negativas a recibir as doses de AstraZeneca, cuxa vacinación está previsto que se retome a próxima semana após a suspensión temporal, como as declinacións do persoal sanitario.

Aqueles que decidiron non ser administrados, serán "etiquetados" no sistema de saúde pública coa referencia ao rexeitamento e, unha vez que finalice o proceso de inmunización, volveráselles a chamar, asegurou o conselleiro. Se "cambian de opinión", poderán comunicar esta decisión no seu centro de saúde, pero o conselleiro explicou que só se volverá a citar de forma inmediata a aquelas persoas que non acudiron polos problemas técnicos.

Unha proba do sistema

A citación para recibir a primeira dose da vacina de AstraZeneca a perto de 19.000 persoas de entre 50 e 55 anos foi, en palabras do conselleiro, "un ensaio para o sistema de chamamentos masivo, unha das pezas importantes desta proba", explicou. O obxectivo, dixo, é contar con "información fiábel" sobre se a persoa convocada "recibiu a mensaxe" e se acudirá ou non á cita para "garantir que non haxa que retornar ningunha dose".

García Comesaña indicou que se detectou que "non todos os galegos" recibiron a chamada de confirmación da cita e, por tanto, "está a facerse un estudo dos que non acudiron, para comprobar o motivo".

"Dos que conscientemente non foron, rexistramos esa renuncia e quedan pendentes de ser chamados", explicou, mais rexeitou que sexa unha 'penalización' a quen por 'medo' non quixese pór a vacina de AstraZeneca. "Non se saca da lista, o que pasa é que se lle ofrecerá a outras persoas".

Solicitude dispoñíbel

Porén, insistiu en que se alguén cambia de opinión "en calquera momento pode solicitala". "Ou unha vez finalizado o plan de inmunización, o lóxico será volver dicirlles: vostede renunciou, quere agora vacinarse?", matizou.

O conselleiro lembrou que esta situación xa se deu "cos profesionais médicos" e, como entón, defendeu a necesidade de preguntar para "saber os motivos" polos que a xente renuncia a por a vacina. "E, por exemplo, se é un tema de información, pois mellorala; e se é polo tipo de vacina, coñecelo tamén é bo para optimizar o número de persoas que se inmunizan".