O Sergas só dispón ao día de 73 especialistas en Dermatoloxía
Actualmente o Servizo Galego de Saúde (Sergas) contou ao longo do ano 2024 unicamente cunha media diaria de 73 profesionais para atender os servizos de Dermatoloxía e Venereoloxía en todas as áreas sanitarias, segundo os últimos datos facilitados pola Administración a Nós Diario. Contabilizando os últimos rexistros poboacionais publicados o pasado 20 de decembro polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o país conta con 2.705.833 habitantes; ou, o que é o mesmo, cada profesional de Dermatoloxía debería atender, por termo medio, un total de 37.066 pacientes.
E isto tendo en conta que na Galiza, segundo a máis recente Enquisa europea de Saúde, con datos do ano 2020, case 200.000 persoas maiores de 15 anos –as de idades inferiores non se incluíron no estudo– padecen algún tipo de enfermidade crónica relacionada coa pel.
Nas áreas sanitarias da Coruña e Cee e de Compostela e O Barbanza traballaron ao longo do pasado exercicio, diariamente, unha media de 15 profesionais de Dermatoloxía. A seguinte con máis persoal dispoñíbel foi a de Vigo, con 11 –malia prestar servizo a un maior número de persoas–, seguida da de Pontevedra e O Salnés, con 10; a de Lugo, A Mariña e Monforte, con 8, e as de Ferrol e mais Ourense, Verín e O Barco, con 7 en cada caso.
As listas de agarda
O ámbito dermatolóxico é unha das especialidades nas que máis pacientes se ven obrigados e obrigadas a recorrer á sanidade privada por mor da falta de recursos na pública. O tempo medio de espera por unha cita neste servizo no Sergas alcanzaba en xuño de 2024 –último dato coñecido– os 68,3 días, catro máis que ao feche de 2023 e até 28 días máis a respecto do ano previo. A área luguesa ten os peores rexistros: 2.882 persoas agardando unha media de 150,8 días –cinco meses– por unha cita no servizo, fronte ás apenas 37, e 8,7 días, da área da capital galega.
No segundo semestre do pasado ano había un total de 13.014 galegos e galegas en lista de agarda para unha consulta de Dermatoloxía no sistema público, case 1.000 máis que en 2023, sendo así a sexta especialidade con máis pacientes en espera.
Para someterse na pública a unha operación relacionada coa pel había que agardar en xuño de 2024 un total de 36,5 días de media, con 707 persoas en lista de agarda no conxunto do país. A de Ourense, Verín e O Barco rexistra a menor espera media, 15,7 días, un dato que contrasta cos 62,8 días da de Ferrol.
Por outra parte, hai un total de 316 medicamentos para tratar as doenzas da pel incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde, dos que só 26 son de achega ao pagamento reducida, segundo o Informe de Prestación Farmacéutica de 2022. Segundo a Asociación de Clínicas Privadas de Dermatoloxía, é recomendábel acudir a este servizo unha vez ao ano para revisar o estado da pel.