Sergas e Povisa asinan un novo contrato por dous anos un 16% máis caro

Acceso principal ao hospital Povisa de Vigo. (Foto: Grupo Ribera Salud)
O acordo asinado vía telemática esta quinta feira ascende a 195 millóns de euros e entra en vigor este sábado.

O Servizo Galego de Saúde e Povisa veñen de asinar un novo contrato de servizos, por importe de 195 millóns de euros e un período de vixencia de dous anos, para a prestación da asistencia sanitaria especializada na área de Vigo. Segundo informou o Servizo Galego de Saúde contra as 22 horas desta quinta feira, o acordo formalizouse "electronicamente" e prodúcese despois de tres prórrogas vencidas e outras tantas moratorias para dar cumprimento a toda a documentación presentada polo hospital privado.

O contrato, cuxa entrada en vigor estaba prevista inicialmente para o 1 de abril, estará activo desde este sábado, 12 de abril, e estenderase a té o mesmo día de 2027. Dous anos de servizo polos que a Xunta da Galiza pagará a Povisa 195 millóns de euros, a razón de 97,5 millóns anuais, o que supón un incremento de 16%.

"O obxectivo é prestar asistencia sanitaria especializada a unha poboación estimada de arredor de 116.000 persoas que libremente así o elixa, asignada aos centros de saúde dos municipios de Cangas e Moaña (O Morrazo), Baiona, Nigrán, Gondomar (comarca de Vigo) e aqueloutros que se determinen do municipio de Vigo".

Entre as novidades que incorpora o novo contrato, sinala o Sergas, atópase que a Xunta realizará os abonos a Povisa en función dos procesos realmente realizados e non per cápita, como até o de agora, "dando cumprimento así ás recomendacións do Consello de Contas". Ademais, indica a Administración galega nun comunicado, contarán cunha unidade de supervisión e control para o seguimento do contrato, "que permitirá á Xunta garantir o perfecto funcionamento do servizo e velar pola calidade asistencial".

Carteira de servizos

Na nova carteira de servizos, destaca o Sergas, "resérvanse as prestacións hospitalarias de maior complexidade para o hospital público Álvaro Cunqueiro, grazas á súa vangarda diagnóstica e tecnolóxica". Segundo denunciara xa a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, "deixará de ofertar os servizos de electrofisioloxía, neurociruxía e grandes queimados. Tampouco pagará polos hemoderivados, próteses e implantes, que supoñen un aforro millonario, nin atenderá a formación de residentes".

Lembra o Sergas, ademais, que para asegurar "a calidade e adecuación dos recursos materiais, medios e instalación empregados na prestación dos servizos", Povisa estará obrigada á realización de investimentos en obras para "a mellora das instalación e/ou adquisición dos equipamentos que resulten necesarios para o correcto desenvolvemento da actividade", destinando a este fin un mínimo dun 3% do importe anual do contrato.

Así mesmo, Povisa asume a obriga de aplicar os incrementos retributivos pactados no convenio colectivo. Concretamente en 2025 debe aplicar unha suba dun 3% para os profesionais da entidade.