Social

O Sergas leva as probas da COVID-19 desde o coche aos hospitais comarcais

probas coronavirus
Esta modalidade das probas da COVID-19 chega aos hospitais da Barbanza, Burela, Monforte e Valdeorras, segundo informa o Sergas.

Os hospitais comarcais da rede do Servizo Galego de Saúde (Sergas) pasan a formar parte dos centros co sistema para realizar as probas do coronavirus aos pacientes desde os seus propios vehículos sen que teñan que baixarse deles. 

En concreto, o Sergas manifesta que se comezan a realizar as probas con esta modalidade, coa que se aforra en equipos de protección individual (EPI), nos hospitais da Barbanza, Burela, Monforte e Valdeorras. Na actualidade xa funciona tamén nos hospitais de Vigo, Ourense, Lugo, Coruña, Pontevedra, Santiago e Ferrol.

En total, en todos os puntos de mostraxe dende o inicio desta medida a pasada semana realizáronse 955 probas a pacientes dende os seus vehículos.

O hospital da Barbanza xa ten operativo esta segunda feira un punto fixo de toma de mostras para recoller dende os vehículos, nos Hospitais da Mariña e Monforte comezará proximamente, e o Hospital do Barco de Valdeorras iniciará a recollida de mostras dende o coche a partir de mañá. O Sergas planifica a ampliación deste servizo en próximos días aos hospitais comarcais de Verín e Salnés, en función da demanda. 

Este sistema só se lle realizará ás persoas que teñan prescripción facultativa e cita previa. O facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios estabelecidos nos protocolos e quedará rexistrada na historia clínica electrónica do paciente. Con esta medida trátase de complementar e axilizar o sistema de recollidas de mostras a domicilio, que ven incrementando a súa demanda nos últimos días.