Un grupo privado xestionará, por 16 millóns de euros, a metade da lista de espera da área sanitaria viguesa

Hospital de Povisa en Vigo, propiedade do grupo Ribera Salud. (Foto: Europa Press)

Trátase dun concurso público de 16,5 millóns e de dous anos de duración, segundo a denuncia da CIG.

O Grupo Ribera Salud, propietario do hospital Povisa de Vigo e que fai parte da do fondo de investimento estadounidense Centene Corporation, vén de se facer coa xestión da metade da lista de espera dos hospitais públicos da área sanitaria. Trátase dun concurso público de dous anos de duración por un importe de 16,5 millóns de euros, segundo sinala CIG-Saúde, que entende que son cartos que se deberan destinar a reforzar os centros públicos e a contratar máis persoal.

Segundo denuncian desde a central sindical, con esta adxudicación do concurso da lista de espera cirúrxica e de exploracións complementarias o Sergas abre a porta a remitir á sanidade privada tamén consultas médicas e urxencias.

Ademais, critican que o modelo de concurso -previsto para dous anos por un importe de 16,5 millóns de euros- está deseñado “para favorecer os intereses da transnacional máis forte, que se financia nun 80% co concerto capitativo actual coa Consellería de Sanidade”. 

Sindicato critica que o modelo de concurso está deseñado “para favorecer os intereses da transnacional máis forte”

Por iso entenden que deste modo Ribera Povisa compite con outros hospitais privados, como Vithas Fátima en Vigo ou Quirón en Pontevedra, co 80% dos gastos de persoal e de funcionamento xa pagados con cartos públicos, “beneficiándose dobremente dos seus contratos coa Administración do PP, trasladando de Valencia a Vigo o seu negocio, consistente en parasitar a sanidade pública, incluso a costa de exercer competencia desleal con outros hospitais privados”.

Dende a CIG-Saúde da comarca de Vigo consideran que os 16,5 millóns de euros terían que destinarse a reforzar as infraestruturas e os cadros de persoal dos centros públicos para que puideran facer fronte á xestión das listas de espera e adaptaran a súa actividade ás necesidades reais da cidadanía.

“No canto disto óptase por reforzar o papel do grupo Ribera Salud, facendo depender aínda máis a nosa asistencia sanitaria deste grupo privado que ten que renegociar no próximo ano o seu concerto capitativo polo que atende a 130.000 persoas”.

Finalmente, sinalan que darlle entrada a este grupo no reparto das intervencións, exploracións complementarias e posiblemente consultas supón reforzalo na negociación do concerto, “xa que non teremos capacidade de atender todas esas necesidades sanitarias se Ribera Salud non consegue o que pide polo concerto e decide marchar da nosa área sanitaria”.