O Sergas comezará a chamar as 93.000 persoas pendentes da segunda dose da AstraZeneca

Doses da vacina de AstraZeneca. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Es das 93.000 persoas menores de 60 anos pendente a segunda dose da vacina de AstraZeneca? O Sergas porase en contacto contigo a partir de finais da semana que vén ou a principios de xuño.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, informou na sexta feira de que "a finais da próxima semana ou a principios da primeira de xuño" o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "empezará a chamar" os 93.000 galegos menores de 60 anos que recibiron unha primeira dose de AstraZeneca e que estaban pendentes de completar a inmunización.

En declaracións aos medios, reafirmou a postura do Executivo galego: a recomendación, na liña do que "ven máis prudente" a Axencia Europea do Medicamento e as sociedades científicas, será "repetir" con AstraZeneca.

Consentimento informado en ambos os casos

En todo caso, a opción de completar a pauta de inmunización Pfizer tamén estará sobre a mesa e os galegos por baixo de 60 anos que están nesta situación poderán elixir entre ambas as vías -con consentimento informado nos dous casos-.

E é que, de feito, o presidente galego insistiu en que a Xunta non pode garantir que haxa a subministración suficiente para pór AstraZeneca a todos os que o desexen, á vez que reiterou que a Galiza pediu ao Goberno que lles concrete o número de dose desta marca que van recibir.

Na pasada xornada, o presidente galego explicara que para coñecer cal é a vontade dos cidadáns, o Sergas enviará unha comunicación por teléfono móbil que deberá ser respondida polos vacinados (se queren recibir ou non a segunda dose de Astrazeneca).

No caso de que pidan recibir o mesmo fármaco, poráselles se hai dispoñibilidade.