O Sergas chamará a vindeira semana máis de 100.000 galegos e galegas de 40 a 49 anos para a primeira dose da vacina

Unha persoa recibe a vacina en Ourense hai dúas semanas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
En paralelo, continuarase citando a aqueles galegos que lles corresponde recibir a segunda dose, nos prazos que establece cada unha das marcas que se está utilizando.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, trasladou esta quinta feira que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) chamará a próxima semana a 100.000 galegos da franxa de idade comprendida entre os 40 e os 49 anos para recibir a primeira dose da vacina.

Diso informou ao termo da reunión semanal do seu Executivo, e remarcou que, en paralelo, continuarase citando a aqueles galegos que lles corresponde recibir a segunda dose, nos prazos que establece cada unha das marcas que se está utilizando.

Na súa intervención, Feixoo reivindicou a boa evolución da vacinación na Galiza tanto no que respecta a primeira como de segunda dose.

Un 40,75% da poboación de Galiza está vacinada contra a Covid-19 coa pauta completa após finalizar o proceso, o que supón 962.858 persoas, 32.422 máis que o día anterior.

En concreto, un 40,75% da poboación de Galiza está vacinada contra a Covid-19 coa pauta completa após finalizar o proceso, o que supón 962.858 persoas, 32.422 máis que o día anterior.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até o peche da xornada de vacinación da cuarta feira, que indican que se administraron 2.323.115 doses, 35.021 máis que a xornada pasada, das 2.509.355 recibidas -ao acumular 67.860 viarios máis-, o que supón o 92,57% das dispoñíbeis na Galiza.

Ademais, esta semana anunciouse que a campaña de vacinación das galegas e galegos de máis de 60 anos que están a ser tratados contra a Covid-19 con Astrazeneca vai acelerada, polo que o grupo -incluído dentro dos colectivos vulnerábeis- adiantará unha semana nos tempos previstos. É dicir, dado o ritmo de inoculación e a previsión de que chegarán novas doses, a Xunta vai comezar a chamar á xente unha semana antes do que comprometera.