O Sergas avalía limitar a mobilidade por franxas de idade

(Foto: Europa Press)

Ante a evolución da pandemia. O comité valorará esta sexta feira novas medidas e restricións.

Restrinxir a mobilidade por idades, velaí unha das medidas que está a valorar Sanidade para atallar a pandemia de coronavirus na Galiza, nomeadamente naquelas áreas (Santiago e A Coruña) que máis lle preocupan nestes momentos.

Esta sexta feira, día 8, volverá a reunirse o comité de seguimento da pandemia e sobre a mesa terán diversas propostas que analizar e sobre as que decidir. Desde elevar as restricións nas mencionadas áreas (con novas restricións para a hostalaría) até medidas que afecten a mobilidade. E unha das alternativas que se barallan é que se estabelezan limitacións ou restricións segundo idades.

O propio conselleiro de Sanidade, García Comesaña, falaba nunha entrevista na Cadea Ser de realizar cribados masivos entre a mocidade, colectivo cun alto grao de asintomáticos.

A Consellaría de Sanidade unicamente permite a mobilidade sen restricións por causas xustificadas como reunirse coa familia (ou as habituais: laborais, sanitarias e educativas) o propio Día de Reis, a diferencia dos períodos máis amplos dos que permitiu gozar tanto por Nadal como por Fin de Ano.

A decisión xurdiu da reunión desta segunda feira coas expertas e expertos que forman parte do comité clínico de seguimento da evolución da Covid-19, que asesora á Xunta. 

Os expertos pediron que a mobilidade excepcional se limite só entre as 6:00 horas do 6 de xaneiro e as 23:00 horas do mesmo día, controlando máis a posibilidade de xuntanzas non permitidas ou os encontros masivos que poidan dar lugar a unha expansión do coronavirus