'Ser e Sentir', a campaña da Deputación da Coruña que desmonta embustes contra o colectivo LGBTI+

#lgbt #lgbti #lgtb #homofobia (Foto: Nós Diario)
O proxecto audiovisual incorpora 10 microvídeos que xa se poden ver na páxina web seresentir.gal e na canle de YouTube da Deputación da Coruña.

A área de igualdade da Deputación da Coruña vén de ampliar a súa campaña 'Ser e Sentir' coa publicación dunha serie de pezas audiovisuais que buscan desmontar loiadas recorrentes contra o colectivo LGBTI+. Son 10 microvídeos que xa se poden visualizar na canle de YouTube da Deputación mais tamén na páxina web seresentir.gal e nas redes sociais da entidade provincial.

Esta serie de microvídeos #DesmontandoPrexuizos poñen o foco nas trolas compartidas máis comúns sobre a diversidade sexual. "Estas pílulas son unha ferramenta moi poderosa, pois non só axudarán a desmantelar prexuízos e bulos, senón que tamén inspirarán a comunidade a unirse nesta causa común contra a LGBTIfobia nun espazo como o das redes sociais, onde se atopa un público moi amplo e diverso", apuntou a deputada de igualdade, Soledad Agra

Falsos mitos e referentes

"Queremos, con este traballo, transmitir información que nos permita rachar as mentiras que a diario escoitamos por diversas vías e que só buscan estender mensaxes de odio. Deste xeito, pretendemos achegarnos a unha audiencia moi ampla, creando unha atmosfera de empatía e fomentando a reflexión", engadiu Agra.

En total, son 10 pezas que se irán publicando nas vindeiras semanas e que tratan temas como a necesidade da educación sexual na mocidade, a transfobia no deporte, referentes LGBTI+ para a mocidade, os estereotipos, o falso mito da moda, a importancia das siglas LGBTI+ ou o significado das diferentes bandeiras.