Unha sentenza do contencioso-administrativo recoñece o dereito do funcionariado da Xunta a cobrar a paga extraordinaria de 2012

Unha imaxe da conferencia de imprensa conxunta

A CIG demanda da Xunta a reposición inmediata "dos salarios roubados indebidamente aos/ás traballadores/as".

 

Unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 3 de A Coruña acaba de recoñecer o dereito do funcionariado da Administración galega a cobrar a paga extraordinaria de 2012, eliminada por unha decisión da Xunta de Galiza.

A resolución xudicial estima que o Goberno galego aplicou a lei con carácter retroactivo, lesionando así os dereitos d@s 90.000 funcionari@s que dependen da Administración galega.

Con efeito, a Lei 20/2010 entrou en vigor o 15 de Xullo e non podía afectar dereitos adquiridos con anterioridade polas traballadoras e traballadores públicos. A Xunta aplicou a retroactividade ao período comprendido entre o 1 de Xuño de 2012 e o 14 de Xullo. Nese período era cando a Xunta de Galiza estaba obrigada a facer o pagamento da extra.

A Lei aplicada é un decreto chamado de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade. Reformaba o artigo 50 do Estatuto Básico do Empregado Público e suprimía, entre outros recortes, os días de antigüidade e os días de asuntos propios, deixando, ademais, sen efecto todos os acordos sindicais adoptados até ese momento.

Acción concertada

CIG, CC OO, UGT e CSIF compareceron esta sexta feira conxuntamente en conferencia de imprensa para avaliar esta resolución xudicial, verosimilmente a primeira das múltiples que irán aparecendo en todo o País dentro, informa a central nacionalista, "dunha acción concertada entre as catro centrais sindicais con presenza na Mesa Xeral de Negociación".

As centrais con presenza na Mesa Xeral de Negociación demandan unha entrevista urxente á conselleira de Facenda

“Á espera de que vaian saindo máis sentenzas favorábeis, esta primeira resolución supón o recoñecemento para 90.000 funcionarios e funcionarias de distintos sectores, así como persoal estatutarios, da Xunta de Galiza de que non se pode aplicar retroactividade, e so é efectiva a aplicación da Lei a partir do 15-07-2012”, salientou perante os meios Maricarme López Santamariña, voceira da Área Pública da CIG.

A CIG fai un chamamento ao Goberno galego para que restitúa os "salarios roubados" ás e aos funcionarios. Asemade, as catro centrais demandaron esta mesma sexta feira unha reunión urxente coa conselleira de Facenda para "que nos explique que vai a facer a Xunta. Recordamos que xa tiñamos pedido hai meses entrevista co Director Xeral de Función Pública, á que non nos contestou nunca. No día de hoxe só nos vale como interlocutora a Conselleira de Facenda”, enfatizou López Santamariña durante a comparecencia.