A semana comeza de forma tráxica na Galiza: aparecen os corpos sen vida de dúas mulleres en Ortigueira e Dumbría

Operativo de rescate do corpo sen vida dunha mulle en Dumbría, na comarca de Fisterra (Foto: Garda Civil).
Ademais, unha muller morreu atropelada por un camión en Agolada, e un operario faleceu ao quedar atrapado nunha máquina de cortar madeira.

O corpo sen vida dunha muller de 55 anos de idade foi localizado esta segunda feira no río Xallas, ao seu paso pola localidade de Dumbría, na comarca de Fisterra. Segundo informou o 112 da Galiza, foron axentes da Garda Civil quen recuperaron o cadáver, despois de que desde o 112 contactasen coa compañía encargada da presa do devandito río para conter o caudal e facilitar o rescate do corpo da falecida.

Esta operación levouse a cabo a primeira hora da mañá, aínda que o corpo non foi recuperado até pasadas as 11 horas. A Garda Civil continúa investigando o suceso, do cal o 112 tivo constancia precisamente a través das forzas da orde.

Segundo fontes da Garda Civil, constaba unha denuncia da familia sobre a desaparición desta muller a pasada sexta feira. Todo iso despois de que o seu coche aparecese aparcado en Ponte Olveira, perto do río ao seu paso polo municipio de Mazaricos (comarca do Xallas), a un quilómetro de onde se atopou o corpo esta sexta feira. Haberá que esperar á autopsia para coñecer máis detalles do ocorrido, proceso que se levará a cabo despois de que a autoridade xudicial realice o levantamento do cadáver.

Dáse a circunstancia de que esta segunda feira tamén se atopou o corpo sen vida doutra muller na praia de Bimbieiro, en Ortigueira (comarca de Ortegal). A vítima tamén se atopabase en paradoiro descoñecido, neste caso desde este domingo.

Ademais, unha terceira muller faleceu esta segunda feira no municipio de Agolada, na comarca do Deza, tras ser atropelada por un camión. Segundo informou o 112 da Galiza, o suceso tivo lugar na N-640, no punto quilométrico 148. No dispositivo participan Urxencias Sanitarias da Galiza 061, a Garda Civil de Tráfico e o Grupo Supramunicipal de Emerxenxias (GES) de Lalín (comarca do Deza).

Terceiro accidente laboral mortal en poucos días

Por outra parte, un operario faleceu na mañá desta segunda feira na localidade de Vilanova de Arousa (comarca do Salnés) ao quedar atrapado nunha máquina de cortar madeira. Tal como informou o 112 da Galiza, este accidente laboral ocorreu na estrada de Deiro. No operativo participaron Urxencias Sanitarias da Galiza 061, os bombeiros de Ribadumia (comarca do Salnés), a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil.

Trátase do terceiro accidente laboral mortal en poucos días. A pasada sexta feira outro traballador morría ao ser golpeado por unha pa en Vigo cando se atopaba no lugar de Viña Grande, en Alcabre, traballando nunha casa en obras. Previamente, a pasada cuarta feira outro operario falecía ao caer da cuberta dunha nave no Estaleiro San Enrique, a antiga Vulcano, en Teis.