Esta segunda feira principia na Galiza a vacinación infantil fronte á gripe cun programa piloto en colexios

Unha persoa recibe unha vacina en Compostela. (Foto: Europa Press)
Este ano inclúe os nenos e nenas desde os 6 meses até os 11 anos, o que supón aproximadamente 215.000 persoas.

Esta segunda feira, día 13 de outubro, comeza a campaña de vacinación infantil fronte á gripe na Galiza e, este ano, inclúe os nenos e nenas desde os 6 meses até os 11 anos, o que supón aproximadamente 215.000 persoas.

Ademais, a Xunta da Galiza iniciou un programa piloto de vacinación antigripal por vía intranasal en 55 centros educativos co obxectivo de chegar a 19.000 crianzas de entre 3 e 11 anos.

Para iso, xa enviaron o primeiros SMS con citas para vacinarse no centro de saúde ou consultorio, que non serán necesarias en caso das familias que acepten participar no programa piloto escolar.

Así, nos colexios seleccionados facilitarán a vacinación, de forma voluntaria, aos alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e de todos os cursos de Educación Primaria.

O obxectivo é alcanzar unha cobertura de 70% entre os nados entre 2014 e 2022, é dicir, entre 3 e 11 anos, matriculados nos centros incluídos no programa piloto. A Xunta, en función das coberturas de inmunización alcanzadas, avaliará a ampliación do proxecto piloto ao resto de centros escolares en próximas campañas de vacinación.

As familias xa foron informadas o programa piloto e a vacinación será realizada nos centros por equipos de enfermaría das áreas sanitarias. Desta forma, usarán vacina intranasal, xa que ten unha maior aceptación e facilidade de administración ao evitar a pincha.

As familias deberán asinar o consentimento para vacinar ao seu fillo e entregala no centro. Así, antes de proceder á inmunización, os equipos de enfermaría recompilarán a información sobre a historia clínica das nenas e nenos autorizados a recibir a vacina intranasal fronte á gripe.