Esta segunda feira comeza a administración da cuarta dose contra a Covid a 21.000 usuarios de residencias

Sanitarias preparan tercera dose da vacuna contra covid 19 en novembro de 2021. (FOTO: Europa Press)

Galiza conta actualmente con 400.000 doses de vacina contra o coronavirus, que inclúen dúas variantes de ómicron

A Galiza arrincará esta segunda feira, día 26 de setembro, unha nova onda de inmunización contra a covid-19. Farao, como en ocasións anteriores, comezando pola poboación máis vulnerábel, aquela que vive nas residencias e centros sociosanitarios da comunidade.

Serán unhas 21.000 persoas as que se inmunizarán en total nun período que Sanidade calcula dunhas dúas semanas, dentro dun proceso que, neste caso, non se fará por orde de idade, se non por centro, e que avanzará de forma simultánea en residencias do catro provincias.

Con posterioridade, no mes de outubro, a Consellaría de Sanidade arrincará unha segunda fase da administración desta cuarta dose na que, entón si, comezará a citar por idade, arrincando no colectivo de máis de 80 anos.

Tanto para o grupo de maiores de 80 como para o seguinte --de 60 a 80 anos, xa que non está sobre a mesa vacinar a persoas de menos idade-- empregaranse os grandes recintos de vacinación, coñecidos como 'vacunódromos', xa que, segundo dixo no seu momento o conselleiro, Julio García Comesaña, dotan de máis comodidade e axilidade o proceso, á vez que facilitan cuestións loxísticas da propia vacina.

En todo caso, García Comesaña tamén garantiu que todas as persoas que non poidan desprazarse a estes recintos, contarán cunha "repesca", nesta ocasión nos centros de saúde.

 



400.000 doses

Fontes da Consellería de Sanidade aseguraron que a Galiza dispón nestes momentos de 400.000 doses de vacina para a cuarta dose contra a covid-19, que inclúen dúas variantes de ómicron (BA4 e BA5).

Así mesmo, como novidade, nesta ocasión se simultaneará o reforzo da covid coa inmunización contra a gripe, algo que arrincará xa o luns nas residencias e trasladarase logo aos 'vacunódromos'.

Segundo apuntou a Xunta, isto non implica adiantar o inicio da campaña estacional contra a gripe, que empezará formalmente en outubro, se non unicamente que aquelas persoas citadas para inmunizarse contra a covid e que así o desexen, poidan recibir nun mesmo acto sanitario as dúas picadas.

No caso da citación para poboación en xeral, fontes sanitarias lembraron que a cuarta dose da covid abarcará, polo momento, até os 60 anos --excepto inmunodeprimidos--, mentres que a poboación diana da gripe, ademais das persoas de colectivos específicos, arrinca nos 65 anos.