Segue a se estender o foco na residencia DomusVi de Chantada: 13 persoas contaxiadas

O foco na residencia DomusVi de Chantada rachou 14 días consecutivos sen casos activos en residencias.

Os contaxios en residencias de maiores de Galiza aumentan a 13 após sumar cinco positivos entre as persoas usuarias -que pasan de seis a 11-, aos que se engaden 2 de traballadores, todos eles concentrados nun foco no centro de DomusVi en Chantada.

Segundo os datos facilitados polas consellarías de Política Social e Sanidade, o foco da residencia DomusVi de Chantada ascende a 11 contaxios entre usuarias e 2 traballadores.

En concreto, Política Social indica que se detectaron outro 5 positivos en persoas usuarias do centro DomusVi Chantada, que conta desde a pasada sexta feira cun surto de Covid-19.

O foco na residencia DomusVi de Chantada rachou 14 días consecutivos sen casos activos en centros deste tipo, desde que o 16 de abril se dese de alta o último traballador infectado.

No caso dos usuarios e usuarias, hai que remontarse máis atrás para os últimos contaxios, vinculados ao foco da residencia Coviastec de Silleda de mediados de marzo.

Despois de se coñecer o surto detectado na residencia DomusVi de Chantada, fontes da Consellería de Política Social sinalaron que todas as persoas maiores estaban vacinadas xa coa pauta completa fronte á Covid-19.

Con todo, unha das persoas que traballan no centro aínda non recibira a súa segunda dose ao non completar o período protocolario entre a primeira e a última.