O sector do mar denuncia que as rías fican "excluídas" do Plan Hidrolóxico Galiza Costa

Rosalino Díaz, María Porto, Rogelio Santos, Charo Brinquis, Xaquín Rubido e Miguel Ángel Iglesias, este 4 de xullo en Carril, Vilagarcía de ARousa. (Foto PDRA)
A PDRA, Plademar Muros-Noia, confrarías e asociacións de produtoras de mexillón presentaron alegacións ao Plan Hidrolóxico de Galiza Costa para o período 2028-2033. O sector do mar alertan de que os documentos iniciais non teñen en conta "a conservación dos recursos dos que dependen a pesca, a acuicultura e o marisqueo", cando este debería ser un obxectivo socioeconómico e ambiental de "primeira orde".

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e Plademar Muros-Noia, xunto coas confrarías e asociacións de produtores de mexillón, veñen de presentar alegacións aos documentos iniciais do Plan Hidrolóxico de Galiza Costa para o período 2028-2033, actualmente en elaboración. Os presidentes da PDRA e Plademar, Xaquín Rubido e Rogelio Santos, presentaron esta sexta feira en Carril (Vilagarcía de Arousa, O Salnés) as eivas que está a ter este plan, que segundo denunciaron "exclúe" as rías desta programación.

"Este Plan non debe nin pode esquecer a importancia de garantir o bo estado das augas mariñas que forman parte da Demarcación Galiza Costa xestionada por Augas da Galiza, nin os usos económicos que delas dependen", sinalaron os colectivos, que demandan medidas para "a pesca, a acuicultura e o marisqueo, que están afectados tanto pola calidade das augas como polas estratexias de encoros e desencoros". Desde o sector lembran que son competencias do organismo Augas da Galiza, dependente da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta, "e xestionados teoricamente segundo o Plan Hidrolóxico vixente, o de 2021-2027".

Porén, o sector pesqueiro, marisqueiro e mexilloeiro das rías critica que no documento que está a elaborar Augas da Galiza, no apartado dos "Obxectivos socioeconómicos" do futuro Plan Hidrolóxico "non se considera a conservación dos recursos dos que dependen a pesca, a acuicultura e o marisqueo, cando este debería ser un obxectivo socioeconómico e ambiental de primeira orde". Sinalaron ademais que tampouco se inclúen estes usos no apartado "Caracterización económica dos usos da auga", a pesar da importancia que teñen estes sectores no territorio.

O sector exixe nas alegacións presentadas "que a pesca, o marisqueo e a acuicultura sexan recoñecidos en igualdade de condicións que os usos de augas doces e que se teña en conta as necesidades do sector de baixura nas decisións da autoridade da cunca hidrográfica”, como estabelece segundo lembraron, a Directiva Marco de Augas da Unión Europea.

Altri, Touro-O Pino e San Fins

No sector pesqueiro e marisqueiro das rías hai tamén "preocupación" porque, segundo explicaron no inventario de presións que sufrirá o ciclo hidrolóxico no período 2028-2033 "non están incluídos os novos proxectos industriais e mineiros apoiados pola Xunta da Galiza". Refírense aos proxectos da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) e ás Minas de Touro-O Pino (comarca de Arzúa) e San Fins (en Lousame, comarca de Noia), os dous primeiros declarados polo Consello da Xunta Proxectos Industriais Estratéxicos e actualmente en tramitación das autorizacións pertinentes por parte do goberno galego.

Desde o sector critica que a pesar da "súa afección a augas que xa na actualidade non están en bo estado", por parte de Augas da Galiza non se están a ter en conta na planificación. Consideran Rubido e Santos que "a documentación debería explicar como se vai conseguir manter e mellorar no futuro a calidade das augas, se as presións e ameazas ás que son sometidas están a aumentar".

Consideran que "é inxustificábel” de acordo co artigo 78.3 do Regulamento de Planificación Hidrolóxica, que Augas da Galiza "por unha banda, informe positivamente o proxecto de Altri como conforme coa planificación hidrolóxica e, pola outra, non o inclúa no inventario oficial das presións ás que estarán sometidos o río Ulla e a ría de Arousa”. Augas da Galiza emitiu un informe favorábel ao proxecto da macrocelulosa na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva que a Xunta da Galiza outorgou ao proxecto da macrocelulosa de Altri a comezos do pasado mes de marzo.

PDRA e Plademar demandan que no apartado "Proxecto de participación pública" se convoquen espazos "para o debate público" arredor destes proxectos "que teñen un forte impacto ambiental e social" Criticaron en rolda de prensa que "falta transparencia e investimento na obtención de datos que mostren a situación real do patrimonio público que son as augas, as doces e as mariñas”, e demandaron da Xunta "unha mellora na calidade e cantidade de información publicamente dispoñíbel".