Saúde mental e xénero danse a man en ‘As Discordantes’, o espazo de debate que coordina Antía Yáñez
Baixo o título "As Discordantes", os faladoiros sobre xénero e saúde mental, botan a andar esta quinta feira en Betanzos (As Mariñas) con motivo do Día Mundial da Saúde Mental. Este proxecto promovido pola Deputación da Coruña configúrase como un espazo de debate e reflexión arredor da saúde mental e o xénero para achegar estes temas á cidadanía. Así o anunciaron esta terza feira a deputada de Igualdade, Soledad Agra, e a coordinadora do proxecto, a escritora Antía Yáñez.
"Este proxecto enmárcase no noso plan de igualdade, co que queremos chegar a todos os concellos", sinalou a deputada. "Comunicación, saúde mental e perspectiva de xénero son temáticas transversais que é fundamental abordar, especialmente nos concellos máis rurais. Por iso, nesta ocasión, queremos achegar este debate a sete municipios da man de persoas referentes como é Antía Yáñez", engadiu. "As discapacidades mentais son unha problemática moi importante que está moi invisibilizada, unha das máis grandes que temos na saúde pública, que incide máis nas mulleres que nos homes", dixo Agra.
Pola súa parte, Antía Yáñez agradeceu á Deputación "a acollida desta proposta cos brazos abertos". Unha proposta que nace "non só para informar senón tamén para tecer redes de apoio e dicir ás mulleres da provincia que non están soas". Explicou, ademais, que o nome “As Discordantes” fai referencia a esa percepción da saúde mental, "porque moitas veces a xente con problemas mentais é vista como fóra do grupo; unha visión que contribúe á visión sesgada. As representacións que destas cuestións se fan no ámbito cultural non axudan á hora de amosar as realidades que hai detrás dun diagnóstico de patoloxía mental, máis se se é muller". Nese sentido, Yáñez puntualizou que o obxectivo dos faladoiros é "ofrecer un ámbito de información e escoita activa aos e ás asistentes, sen caer nos maniqueísmos nin na estigmatización".
“As Discordantes”, organizado pola Deputación da Coruña, percorrerá sete vilas da provincia entre finais do 2024 e comezos de 2025. O primeiro deles, esta cuarta feira en Betanzos, ás 17.30 horas no Salón Azul do edificio O Liceo.
Coordinados por Antía Yáñez, autora de Non penses nun elefante rosa (Xerais, 2022), onde aborda a saúde mental cun toque de humor negro, as relatoras ofrecerán as súas visións e experiencias no ámbito da literatura, a comunicación e a saúde. No caso de Betanzos, as profesionais que a acompañarán serán a xornalista Cláudia Morán e a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro, ambas colaboradoras de Nós Diario.