O Ministerio de Sanidade vacinará contra o sarampelo as persoas nadas despois de 1970

Vacina. Imaxe: cedida.
O Goberno do Estado e as administracións autónomas negocian un novo calendario de vacinación para o sarampelo. E incluirá a obrigatoriedade de se vacinar ás persoas nadas despois de 1970 e non estean vacinadas ou nunca padecesen a enfermidade. É a primeira medida adoptada a causa de pequenos brotes dunha doenza que se daba por erradicada no Estado español.

O Ministerio de Sanidade comparte así a recente recomendación da Sociedade Española de Epidemioloxía, que pedía a vacina para xente de entre 40 e 50 anos que non estea certa de tela recibido ou que non pasasen polo sarampelo. Malia a ministra do ramo María Luisa Carcedo afirmar o pasado xuño que os datos epidemiolóxicos da enfermidade no Estado eran “moi positivos”, entre xaneiro e o 21 de xullo do ano en curso rexistráronse no Estado español 233 casos, “importados ou secundarios a estes”, segundo o ministerio, “e a súa transmisión interrompeuse con facilidade”.

O sarampelo é extremadamente contaxioso. A Organización Mundial da Saúde vén de alertar do seu auxe en Europa, onde se rexistraron 90.000 casos no primeiro semestre de 2019, máis que en todo 2018. Catro países veñen de perder a etiqueta de libres do sarampelo: Reino Unido, Albania, Grecia e República Checa.

Os expertos atribúen este rebrote en parte ás “noticias falsas” espalladas polos movementos antivacinas.