Nos novos seis municipios con limitacións

Sanidade rexistra unha maior incidencia do coronavirus na mocidade

Imaxe de arquivo de xente paseando coa máscara pola Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade, que esta mañá destacou a redución da incidencia dos gromos na área sanitaria da Coruña e Cee polas limitacións estabelecidas hai unhas semanas, aclarou que pór limitacións noutros municipios é unha estratexia para frear os contaxios en xente nova.

Laxe, Lalín, A Guarda, O Rosal, Vilaboa e Poio son os novos municipios sobre os que pesan máis restricións para controlar a expansión da Covid-19 pola nazón. A Consellaría de Sanidade explica, a través das ordes publicadas onte á noite no Diario Oficial da Galiza (DOG), que o que motivou a decisión foi o incremento na transmisión e a maior incidencia sobre a mocidade.

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública explica que Lalín é a localidade máis afectada na comarca do Deza "tanto en casos como en taxas", debido a que cada infectado "pode estar a contaxiar a outras dúas persoas e estase incrementando a transmisión".

Este gromo considérase de "alto risco" e dáse a circunstancia de que a franxa de idade que predomina entre as e os doentes vai dos 15 aos 29 anos. Desta maneira os contaxios poderían dispararse sen control.

"Hai unha alta probabilidade de presentar casos asintomáticos e gran capacidade de transmisión pola frecuencia de interaccións sociais", sinala o documento, que fala de situacións parecidas no Baixo Miño. 

En canto a Vilaboa e Poio, a orde da Xunta relaciona o aumento de casos coa súa "interrelación" coa cidade de Pontevedra, que permanece con restricións desde esta quinta feira.

O concello de Laxe de duplicou a incidencia do coronavirus desde o 2 de setembro na liña do ocorrido na comarca de Bergantiños, onde a porcentaxe de positividade máis elevado dáse entre os 20 e 24 anos. Con todo, Saúde Pública apunta a que a situación noutros concellos da zona, como Carballo e A Laracha, "vai mellorando, polo que pode dicirse que as medidas impostas están a funcionar".

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, declarou aos medios que teñen novas de "mellorías" da situación na área sanitaria da Coruña e Cee grazas a reducir a afluencia á hostalaría e o número de participantes nas reunións.