Sanidade reúne os 26 psicólogos clínicos que ten para toda a Atención Primaria

O conselleiro de Sanidade, Gómez Caaamaño, no centro, esta sexta feira. (Foto: Consellaría de Sanidade)
A Consellaría de Sanidade propón chegar a 50 no ano 2030

A Consellaría de Sanidade reuniu esta sexta feira as e os profesionais da rede de psicoloxía da Atención Primaria co obxectivo de coordinar os criterios de actuación. Á reunión acudiron os 26 psicólogos e psicólogas que ten a Xunta para a Atención Primaria nos máis de 400 centros de saúde da Galiza.

Unha cifra que fai que a Primaria galega  non chegue a ter nin seis psicólogos por cada 100.000 habitantes, unha cifra moi por debaixo dos 9-12 de ratio que hai no Estado español ou dos 19 no conxunto da Unión Europea.

Neste senso, a Consellaría informou de que ten previsto incorporar dous especialistas da psicoloxía "nesta primeira etapa", mais sen confirmar unha data estimada. Neste senso, desde o departamento sanitario da Xunta da Galiza insisten en que o obxectivo do Goberno galego é "seguir ampliando" a rede de psicólogos clínicos na Atención Primaria até chegar só a 50 "antes de 2030".

O persoal de psicoloxía clínica da Atención Primaria desenvolve funcións orientadas á intervención psicolóxica individual e grupal para problemas de alta prevalencia, como depresión ou ansiedade.