Sanidade mantén afastada das súas funcións a médica que insultou pacientes no Hospital de Piñor

Exterior do Hospital de Piñor, no Concello de Barbadás, comarca de Ourense. (Foto: Nós Diario)

“Non teño porqué aguantar imbéciles”, dixo a facultativa a un dos pacientes que agardaban no corredor do Servizo de Rehabilitación

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ratificou esta terza feira que, polo momento, a médica que insultou pacientes no Hospital de Piñor, no concello de Barbadás (comarca de Ourense), segue apartada das súas funcións asistenciais, á vez que se están revisando as reclamacións presentadas por estes feitos.

O sucedido remóntase a última hora da mañá da pasada quinta feira, 17 de agosto. Nun vídeo que difundiu un dos pacientes pódese observar como a médica increpa un home na sala de agarda do centro, chegando a espetarlle "non teño porqué aguantar imbéciles". O paciente repróchalle que "está a dar un espectáculo lamentábel".

Tras un intercambio de palabras interceden outros presentes (entre eles varias enfermeiras), tentando tranquilizar a situación, pero a sanitaria non cambia a actitude e mesmo bloquea o paso a un paciente en cadeira de rodas que tamén tentaba mediar. A rifa continuou até que chegou o vixiante de seguridade.

Por estes feitos, a dirección da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras abriu un proceso interno para aclarar o sucedido e, mediante un comunicado, lamentou que se produzan este tipo de situacións, aseverando rexeitar "enerxicamente calquera tipo de actitude violenta veña de onde veña".

Así mesmo solicitou os datos das testemuñas que agardaban a súa quenda no corredor de consultas ambulatorias do Servizo de Rehabilitación do Hospital de Piñor, así como os dos profesionais para "dar resposta ao proceso e adoptar as medidas que sexan oportunas". Ademais pediron ao Servizo de Atención ao Paciente as posíbeis reclamacións que puidesen ser interpostas con motivo deste incidente.

Esta terza feira, 22 de agosto, preguntado ao respecto deste incidente, o titular da carteira sanitaria remitiuse ao dito pola área sanitaria, sumándose ao "pesar" pola situación e ás "desculpas aos pacientes e familiares que se puideron ver afectados".

"Estamos a revisar as reclamacións que se puideron presentar e de modo paralelo esta facultativa está temporalmente apartada do servizo. É o que temos que dicir", manifestou o conselleiro, engadindo que desde a Consellaría traballan "cada día para que non se dean estas situacións" e pedindo "máximo respecto a pacientes e profesionais".