Sanidade eleva a 162 as persoas afectadas por salmonelose nun festival en Oza-Cesuras

Centro hospitalario HM A Rosaleda en Santiago de Compostela. (Imaxe: HM Hospitais)
A Dirección Xeral de Saúde Pública continúa a investigación do foco de salmonelose do festivas de Oza-Cesuras, do que xa hai 162 casos confirmados.

A Consellaría de Sanidade eleva a 162 as persoas afectadas por un foco de salmonelose detectado no festival Trasan Fest celebrado a pasada fin de semana en Oza-Cesuras (As Mariñas). Así o trasladaron desde o departamento autonómico, consultado por Europa Press.

Ademais, sinalaron que a Dirección Xeral de Saúde Pública segue investigando as causas do foco. Para iso, están realizando enquisas epidemiolóxicas entre as persoas afectadas para poder identificar a orixe da intoxicación alimentaria producida no festival. Con todo, indicaron que as evidencias recollidas até o momento "fan pensar nunha orixe bacteriana do foco causado por salmonela", contando con tres positivos confirmados.

Fronte ás 94 afectadas detectadas na xornada da segunda feira, Sanidade indica que o número de casos declarados por esta intoxicación ascende esta terza feira a 162, dos cales 22 permanecen ingresados. 

Tras detectarse o foco, as persoas afectadas foron trasladados ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) e a hospitais privados como HM Hospitais, que esta terza feira contaba con 10 ingresadas e unha en urxencias pendente de ingreso, mais ningunha grave.