Sanidade defende seguir vacinando de maior a menor idade e non adiantar a inmunización da xente nova

Campaña de vacinación (Foto Europa Press)

No Consello Interterritorial de Saúde estivo sobre a mesa a "posibilidade" de modificar a estratexia en vigor de vacinación para contemplar o adianto da inmunización da xente máis nova fronte á Covid-19. A Xunta defendeu seguir o criterio de inmunizar de maior a menor idade.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, aseverou que na reunión do Consello Interterritorial de Saúde que decorreu este 30 de xuño estivo sobre a mesa a "posibilidade" de modificar a estratexia en vigor de vacinación para contemplar o adianto da inmunización da xente máis nova fronte á Covid-19, aínda que non se chegou a concretar modificación algunha.

En todo caso, en declaracións aos medios, García Comesaña sinalou que a Xunta "cre que hai que seguir o criterio de vacinar a xente de máis idade e traballar intensamente en que ás mozas e mozos con algún problema académico ou educativo se lles poida vacinar antes coa autocita que a Xunta porá en marcha estes días".

"Hai que insistir nas boas prácticas de conduta", aseverou o conselleiro, nun escenario sanitario marcado polos efectos do macrosurto de Mallorca.

Por outra banda, coa sombra da variante Delta, tamén remarcou que a Galiza está no grupo de comunidades que están a adiantar as segundas doses de AstraZeneca pendentes cando sexa posíbel para que as e os cidadáns poidan "ter canto antes a pauta completa e ese extremo máis acoutado".

Pola súa banda, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, informou após a reunión do Comité Interterritorial de Sanidade de que "a Comisión de Saúde Pública acordou incluír os grupos que faltaban, de 39 a 12 anos, por cohorte de idade e que tamén se podían solapar por razóns de organización e estabilidade. Todas as comunidades o que queren é avanzar e moitas delas están intercalando".

Critican as "ineficientes" medidas de control da Xunta co macrosurto

A actuación da Administración galega ante o macrosurto de coronavirus orixinado en Mallorca e que afecta máis de 150 persoas na Galiza provocou xa as primeiras críticas contra a Xunta en relación a este caso.

O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, alertou das "ineficiencias" na información trasladada polas autoridades sanitarias galegas respecto ao surto. Torrado reclamou á Xunta que “faga algo máis que alertar fronte aos botellóns” -dixo en resposta ás mensaxes do presidente galego- e sinalou que a “incerteza” sobre a súa actuación “trasládase ao conxunto da cidadanía, que non ten posibilidade de saber canto de controlada está a situación”.

O parlamentario apuntou que esta situación demostra “a necesidade de estar alerta sobre posíbeis surtos e repuntas”, de forma que se permitan unhas medidas de resposta rápida, coordinada, controlada e que posibiliten illar o máximo posíbel o aumento da incidencia. Ademais, reclamou ao Executivo galego que compareza na Cámara para explicar as medidas de información, control e confinamento que están a ser transmitidas.