A varíola na Galiza

Sanidade eleva a tres os casos confirmados de varíola do mono

Detectáronse dous casos na área sanitaria da Coruña-Cee e outro na de Vigo. (Foto: Berkay)
O conselleiro insta, "tanto os positivos como os seus contactos", a non manteren "actos de actividade sexual" durante 21 días.

A Consellería de Sanidade confirmou esta terza feira un terceiro caso da patoloxía coñecida como varíola do mono, que supón o segundo na área sanitaria da Coruña-Cee, mentres que na de Vigo hai outro.

Así o notificou, en declaracións aos medios, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, antes de participar na entrega de premios de 'Clases sen fume' en Compostela.

Comesaña puntualizou que, como nos casos anteriores, o paciente está "en bo estado, leve, sen ningunha complicación médica máis que as derivadas das medidas de illamento", engadiu, "tanto do caso confirmado como nos [seus] contactos".

O titular de Sanidade puntualizou que tamén neste caso foi aplicado o protocolo do Ministerio de Sanidade, que recomenda "medidas de prevención lóxicas", como "quedar na casa, interaccionar o menos posíbel cos seus convivintes e usar a máscara en todo momento".

Complicación

A todo o anterior engádese "ter coidado cos utensilios que se utilizan e coa roupa", abundou o conselleiro. "Se teñen algún tipo de complicación deben porse en contacto co 061 ou co seu médico para facer un seguimento específico", destacou.

Preguntado sobre aspectos concretos do protocolo, o titular de Sanidade confirmou que se recomenda, tamén, tanto "aos casos confirmados como aos contactos" que durante 21 días "non manteñan actos de actividade sexual", xa que os contaxios "teñen que ver coa interacción e esta especialmente".

"Fálase de 21 días. É o tempo que pedimos que se manteñan estas condicións", explicou en relación ao protocolo fixado polas autoridades sanitarias en relación á varíola do mono. Así, insistiu en que os casos e contactos deben "tentar reducir o contacto próximo".