Sanidade comunica 30 mortes, a segunda maior cifra de toda a pandemia

Un traballador sanitario acode nunha ambulancia a unha residencia de maiores (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As vítimas da pandemia na Galiza elévanse a 1.718 tras informar a Consellaría de Sanidade de 30 novos falecementos coa Covid-19 que se rexistraron desde o pasado 18 de xaneiro.

Esta cifra é a segunda máis alta comunicada en toda a pandemia na Galiza. En concreto, o día 3 de abril, Sanidade informara de 27 falecementos, un dato que se igualou esta mesma semana con 27 casos comunicados na segunda feira e superado na cuarta, cando transcenderon 29 novas vítimas.

O pasado 1 de abril o departamento galego informou de 36 mortes, tamén correspondentes a varios días após corroborar que se trataban de casos con Covid, a cifra máis elevada de toda a crise sanitaria.

Unha delas tratábase dunha muller de 91 anos na Residencia Paz e Ben de Tui, o pasado día 18; un home de 71 anos en atención domiciliaria en Cartelle o 19 de xaneiro; outra muller de 91 na residencia Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo e un home de 95 anos no Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), o día 24.

Dous días despois, faleceu unha muller de 74 anos no Hospital Quirón da Coruña, un home de 84 no seu domicilio en Ribadeo e unha muller de 64 no Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS).

O 27 de xaneiro, pola súa banda, faleceron un home de 64 anos no Complexo Hospitalario da Coruña e unha muller de 99 anos no mesmo centro; unha muller de 90 anos e un home de 86 no CHUS; unha muller de 88 no Complexo vigués; un home de 87 e outro de 81 no Complexo Hospitalario de Ferrol (CHUF); outro de 81 anos no CHUAC; e un de 75 no Hospital de Lugo (HULA).

O resto de casos rexistráronse onte. Trátase dun home de 87 anos no Cegadi de Santiago e que procedía da residencia San Simón de Cacheiras; unha muller de 89 e un home de 58 no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO); un home de 90 anos no Hospital da Mariña (Burela); un home de 66 no HULA; unha muller de 76 no CHUF e unha muller de 80 na residencia DomusVi de Carballo.

Finalmente informouse dun home de 65, outro de 93 e outro de 81 no CHUAC; un home de 88 e outro de 91 no CHUO; unha muller de 91 no CHUO; ademais dun home de 88 e unha muller de 91 que estaban ingresados no Hospital de Verín e no CHUO pero que procedían da residencia Residencia Santa María de Verín e da Vivenda Comunitaria de Vilar de Santos.