Sanidade aposta na atención sanitaria a través do 'chat'

Natalia Lobato e Benigno Rosón en rolda de prensa, o 3 de xuño. (Foto: Xunta da Galiza)
A aplicación do Sergas terá asistencia de IA.

A Xunta da Galiza, a través da secretaria xeral técnica da Consellaría de Sanidade, Natalia Lobato, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, informaron onte das novas posibilidades dixitais do sistema sanitario público galego, o denominado Sergas Móbil.

Entre as novidades está a apertura dun chat en directo de mensaxaría entre médico e paciente ademais de coñecer o fluxo do proceso asistencial no servizo de urxencias, en hospitalización ou no hospital de día. 

Ademais, crearase un servizo de asistente virtual con intelixencia artificial (IA) xenerativa ao que se lle poderán facer preguntas, en galego e en castelán, mediante audios de voz ou textos; e facilitarase un asistente integral que oriente os pacientes sobre os trámites previos ante procesos cirúrxicos, vídeos explicativos ou coidados posteriores.

Nesta liña, o sistema terá un servizo de información á cidadanía con datos do servizo de saúde e información personalizada da área e do seu centro de saúde e retransmitirá en directo as UCI neonatais para ofrecer un servizo de "visita virtual" ás familias con nados ingresados. A nova aplicación estará dispoñíbel o 30 de xuño de 2026.

Créditos do Estado

Tamén onte, o Consello de Ministras e Ministros aprobou a proposta do Ministerio de Sanidade para distribuír os créditos orzamentarios correspondentes a 2025 dentro do Marco Estratéxico de Atención Primaria e Comunitaria. En millóns de euros, Andalucía será quen máis reciba (30,9) e Galiza queda en quinto lugar (11,8).