Sanidade anuncia que Sergas e os hospitais privados pasan a funcionar de forma "única e integral"

Videoconferencia do conselleiro de Sanidade e a súa equipa coas direccións dos hospitais privados da Galiza (Xunta).
O conselleiro de Sanidade mantivo esta terza unha videoconferencia cos responsábeis dos centros privados galegos para informarlles das medidas concretas que se van adoptar. 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegura que o Sergas e os hospitais privados do país funcionarán como "un sistema único e integral" no que toda a cidadanía sexa atendida "nas mesmas condicións" nunha "epidemia tan grave como esta"

Almuiña mantivo esta terza unha videoconferencia cos responsábeis dos centros privados galegos para informarlles das medidas concretas que se van adoptar en cumprimento do disposto polo Ministerio de Sanidade e salientou que "entenderon perfectamente a situación e están colaborando". 

Deste xeito, o Goberno galego continúa coa coordinación con diferentes axentes para estabelecer actuacións centradas na prevención para conter o contaxio do COVID-19. Almuiña trasladou aos centros privados galegos os mecanismos que se porán en marcha "para a coordinación integral da asistencia sanitaria entre hospitais públicos e privados".

"Trátase de facer un censo de todas as posibilidades de actuación", describiu o titular de Sanidade, "de saber o número de camas hospitalarias, de UCI, e a posibilidade de utilizar postos de reanimación, ou incluso quirófanos chegado o momento, de todos os hospitais da Galiza independentemente de se son públicos ou privados". 

Almuiña explicou que lle requeriu aos centros privados que lle trasladen as súas necesidades de material (especialmente de protección para as profesionais), así como indicou que está a facer nos centros públicos, para trasladar as peticións ao Ministerio de Sanidade, "que é o que está a facer a compra centralizada para todo o Estado". 

Desta maneira, o conselleiro lembrou aos centros privados que teñen que seguir as mesmas indicacións que os públicos e adiar as consultas non urxentes, así como reorganizar as súas axendas "deixando de operar de forma programada salvo aos pacientes oncolóxicos e de urxencia".

Así mesmo, Almuiña destacou que tamén se estableceu contacto con todas as empresas de ambulancias da Galiza, para elaborar un censo e estabelecer a coordinación necesaria que permita mobilizar os vehículos en caso de necesidade desde o 061.