Sanidade analizará nun estudo poñer Pfizer ou Moderna as persoas que recibiron unha soa dose de AstraZeneca

Lote de vacinas de Pfizer (Foto: Europa Press).
Recrutaranse para o estudo 600 pacientes de diferentes grupos de idade e comunidades do Estado que recibiron unha soa dose.

O Instituto de Saúde Carlos III ( ISCIII) lanzou o estudo 'CombiVacs', que avaliará a posibilidade de administrar unha dose da vacina contra a Covid-19 de Pfizer- BioNTech ou Moderna en persoas que recibiron previamente só unha dose de AstraZeneca.

En concreto, este ensaio clínico fase 2, comparativo,  randomizado e adaptativo avaliará a seguridade e  inmunoxenicidade desta opción, tras a decisión de vacinar con  AstraZeneca só a maiores de 60 anos pola aparición de eventos  trombóticos en menores desta idade.

Esta restrición provocou que moitos menores de 60 anos que recibiran xa unha dose de  AstraZeneca non puidesen recibir a preceptiva segunda dose.

Jesús Antonio Frías Iniesta, coordinador da rede de investigación clínica do Instituto de Saúde Carlos III e xefe de Servizo de Farmacoloxía Clínica do Hospital Universitario A Paz avanzou que se recrutará 600 pacientes de diferentes grupos de idade e comunidades do Estado que recibiron unha soa dose de  AstraZeneca. Dividiranse en dous grupos: un de 200 que recibirá a dose "inmediatamente" e outro de 400 que a recibirán tras 28 días. Após esta vacinación, serán avaliados aos tres, seis e doce meses para comprobar os efectos.

O obxectivo é poñer en marcha "rapidamente" o ensaio: "Se é posíbel, poñelo en marcha a semana que vén". Segundo o experto do  ISCIII, a finalidade é ter unha conclusión antes de que pasen as 12 semanas que están  pautadas entre a primeira e a segunda dose de  AstraZeneca, para afrontar a vacinación con este colectivo con maiores evidencias científicas.

Máis vacinas

A partir do próximo 26 de abril, e durante todo o mes de maio, van chegar cada semana ao Estado español 1.700.000 doses da vacina contra o coronavirus desenvolvida pola compañía  Pfizer, segundo anunciou hoxe mesmo a ministra de Sanidade, Carolina  Darias.

En concreto, esta semana chegaron 1.200.000 doses desta vacina que, do mesmo modo que o resto dispoñíbeis até o de agora, "salvan vidas, son eficaces" e van permitir á sociedade volver á normalidade.

"O obxectivo de acadar o 70% da poboación vacinada no verán está realmente ao alcance da nosa man. O obxectivo é vacinar, vacinar e vacinar e darlle todas as ferramentas ás comunidades autónomas para que poidan seguir  inoculando as vacinas", resolveu  Darias.