Sanidade deixa activos 14 puntos para a realización de tests de antíxenos

Unha sanitaria comproba un test de antíxenos. (Foto: Javier Pulpo / Europa Press)
A Xunta segue a reducir o número de espazos nos que se poden realizar este tipo de probas diagnósticas.

A Consellaría de Sanidade vén de informar que manterá activos, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), 14 puntos habilitados para a realización de probas de antíxenos.

O pasado 11 de xaneiro, a Xunta despregou por toda a autonomía un total de 32 puntos activos, aos que se lle sumaban outros 20 itinerantes, en consonancia co aumento de casos da sexta vaga.

Menos dun mes despois, o 4 de febreiro, o Goberno galego tomou a decisión de reducir a 25 os puntos fixos abertos para que a cidadanía poida realizar probas diagnósticas de balde.

Os espazos nos que máis notábel foi a redución destes espazos foron os tres aeroportos galegos de Alvedro, Lavacolla e Peinador. Neles, as persoas viaxeiras xa non dispoñen de tests específicos desde hai semanas.

Puntos activos

Por áreas sanitarias, a de Lugo é a que conta con máis puntos para realizar probas diagnósticas de xeito gratuíto. O Sergas terá un punto na Delegación Territorial de Sanidade de Lugo (aberto os luns, mércores e venres, de 15.30 a 20.30 horas); no auditorio Carmen Estévez, de Vilalba (aberto os xoves de 16 a 19.30 horas); a Casa da Cultura de Sarria (que estará aberta os martes tamén de 16 a 19.30 horas).

Tamén haberá un punto de probas na Casa do Mar de Burela, e outro no Hospital de Monforte de Lemos. O primeiro estará habilitado de luns a sábado, de 9 a 14 horas, e o segundo os venres de 15 a 20 horas.

A área sanitaria de Ourense terá tres puntos activos: un no Espazo Xove de Ourense, e outros dous nos hospitais públicos de Verín e do Barco de Valdeorras. Os tres espazos estarán abertos de luns a venres de 15.30 a 20.30 horas. Pola súa banda, a área de Pontevedra e o Salnés terá dous puntos, no recinto feiral de Pontevedra e no Auditorio de Vilagarcía de Arousa. O posto do recinto feiral estará habilitado os martes e xoves, e o de Vilagarcía os luns, mércores e venres. Ambos de 15.30 a 20.40 horas.

O resto de puntos aínda activos repártense da seguinte maneira: na área sanitaria de Coruña-Cee, un no centro de saúde de Ventorrillo, no concello da Coruña (todos os días de 14 a 21 horas); na de Ferrol, outro na Ludoteca da Praza de España de Ferrol (de luns a venres, de 15 a 21 horas); na de Santiago e o Barbanza, no Auditorio Vidal Bolaño de Santiago de Compostela (todos os días de 14 a 20 horas); e na área sanitaria de Vigo, un no Naútico da cidade (todos os días de 8.30 a 14.30 horas, e de 15.30 a 21.30 horas).