Sanidade abrirá os grandes recintos de vacinación a partir do 10 de outubro para administrar a cuarta dose

Unha longa fileira de persoas na vacinación masiva de Santiago de Compostela o 6 de abril de 2021

En canto ao uso da máscara en centros hospitalarios ou farmacias, o conselleiro de Sanidade recoñeceu que esta situación "se vai a prolongar durante un certo tempo".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou este domingo que a Xunta habilitará os recintos de vacinación masiva a partir do 10 de outubro para administrar a cuarta dose da Covid-19 aos maiores de 80 anos.

Nunha entrevista concedida a Radio Galega, García Comesaña sinalou que calculan que en dúas semanas poderán finalizar a vacinación aos maiores das residencias -que comeza esta segunda feira- e sobre o 10 de outubro iniciar cos maiores de 80 que non están en residencias.

 

 

Así mesmo, asegurou que a data podería variar entre áreas sanitarias. En todo caso, trasladou que citarán "con antelación suficiente" para que "todo o mundo poida estar previsto" e, deste xeito, "facer o posíbel para que a xente poida acudir".

En canto aos recintos, estimou que se utilizarán durante dous meses aproximadamente e confirmou que serán os mesmos que en anteriores ocasións, con excepción de Vigo onde, pola celebración de Conxemar no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), a vacinación masiva trasladarase ao Hospital Álvaro Cunqueiro durante un tempo.

Sobre a vacinación en residencias que comeza esta segunda feira día 26, o conselleiro espera "o mesmo éxito que as anteriores" e puxo en valor "a vantaxe" de que as novas vacinas conten coa variante ómicron e coa orixinal.

Cuestionado pola extensión da vacinación ao resto da poboación, o titular de Sanidade mostrouse prudente e afirmou que cre que se vai a manter tan só para a poboación maior de 60 anos.

 

Máscara transporte

O conselleiro de Sanidade tamén se pronunciou sobre a posibilidade de retirar o uso obrigatorio da máscara no transporte público. Así, subliñou que Galiza foi a encargada de pór "encima da mesa" do Consello Interterritorial de Sanidade este tema e quen demandou que "un debate tan importante" realizásese "con datos técnicos".

Por iso, explicou que se demandou que "a ponencia de alertas", "un mecanismo da Comisión de saúde pública", fose a encargada de solicitar todos os datos técnicos necesarios para tomar unha decisión.

En canto ao uso da máscara en centros hospitalarios ou farmacias, o conselleiro recoñeceu que esta situación "se vai a prolongar durante un certo tempo".