Sandra Garrido, tripulante da Flotilla, é deportada por Israel e xa está en Grecia

Sandra Garrido, esta segunda feira 6 de outubro en Atenas. (Foto: Cedida)

A activista galega Sandra Garrido Fernández, integrante da Global Sumud Flotilla, que até esta segunda feira estaba retida polas autoridades israelís, foi deportada nesta mesma xornada e xa chegou a Atenas a bordo dun avión.

Está previsto que, logo de aterrar na capital grega, a activista viaxe a Madrid ou Barcelona tamén esta segunda feira, mais descoñécese a hora da súa chegada á península Ibérica e á Galiza.

Segundo puido saber Nós Diario, xunto a Sandra Garrido viaxan o resto da delegación estatal na flotilla, 27 persoas, a excepción de unha persoa. Trataríase da activista mallorquina Reyes Rigo, que sería retida e detida por Israel acusada de "morder" un funcionario. O seu arresto estaría ampliado cando menos até a cuarta feira.

Segundo informou o Goberno israelí, de Tel Aviv partiron esta segunda feira dous avións con destino Grecia e Eslovaquia, viaxando en total 171 activistas da Global Sumud Flotilla, entre eles a moza sueca Greta Thunberg.

Este domingo, Garrido iniciara unha folga de fame xunto con outras 22 activistas de diferentes nacionalidades, para denunciar o bloqueo e o asedio a Gaza. A organización da flotilla informou de que as persoas detidas rexeitaban "ser alimentadas pola mesma entidade que perpetra unha campaña de fame xenocida contra millóns de palestinos", en referencia ao Goberno israelí.