Sande confía no arquivo da causa polo cartaz do Entroido

Imaxe: Xeira

O concelleiro das Culturas afirma perante a xuíz que non houbo vontade de ofender. Ducias de persoas concentráronse perante os Xulgados en apoio ao edil coruñés.

O concelleiro das Culturas de Coruña, José Manuel Sande, confía en que a xustiza arquive a causa aberta contra el por unha ‘ofensa aos sentimentos relixiosos’ a raíz dun cartaz do Entroido do Concello coruñés. Así o manifestou o propio edil após declarar perante a xuíz, e onde incidiu en que non houbo en ningún momento vontade de ofender. Sande tamén apontou que continuará a loitar pola “liberdade de expresión” e a “liberdade artística”.

Máis dun cento de persoas concentráronse diante do Xulgado en apoio a Sande, citado a declarar no Xulgado de Instrución número 3 da Coruña após unha denuncia que partiu da presidenta da Asociación de Viúvas de Lugo, Aurora Carro.

'Entroido sí, tristes non', 'Sande amigo, a xente está contigo' foron algúns dos lemas das persoas concentradas, entre as que había membros de comparsas de Entroido e persoas disfrazadas de cregos e papas. O concelleiro estivo arroupado polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e os deputados de En Marea no Congreso español Antón Gómez-Reino y Yolanda Díaz.