Sánchez fala de inmunidade de grupo para agosto mentres Simón alerta dunha posíbel cuarta onda

Fabricación de máscaras nunha empresa española. (Foto: Carmen Ripollés / Europa Press)

O presidente do Goberno español estima que o 70% da poboación estará vacinada a mediados de agosto. No entanto, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, recoñeceu que non se pode rexeitar outra subida dos contaxios polas festas após a fin do estado de alarma.

O presidente do Executivo do Estado español, Pedro Sánchez, rexeitou a posibilidade de que se produzan cambios legais de importancia para volver atrás na estratexia de deixar en mans do Tribunal Supremo as decisións sobre as medidas para controlar a pandemia.

Fíxoo nun día no que, ademais de asegurar que os distintos territorios teñen “ferramentas suficientes” para facer fronte á Covid-19, destacou que confía en que a inmunidade de grupo pola vacinación sexa unha realidade “en 100 días”.

Así o estimou porque a meta nese tempo é que “o 70% da poboación adulta estea vacinada”.

“Estamos ante un momento moi esperanzador de lograr a inmunidade de grupo”, destacou, algo que segundo o seu cálculo sucedería sobre mediados de agosto (coa conta dos 100 días).

Aínda así pediu que non se baixe “a garda” porque “o virus segue a circular”. Tanto é así que a cara visíbel dos comunicados na primeira etapa da pandemia, Fernando Simón, advertiu de que é posíbel que haxa unha “cuarta onda”.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade sostén que as festas que se sucederon en España esta pasada fin de semana, con motivo da finalización do estado de alarma e o levantamento do toque de recoller -entre outras restricións, segundo a zona-, poderían causar “un pico puntual de contaxios”.

Con imaxes de xente sen máscara, sen distancia de seguridade e sen ningún tipo de control, Simón dixo estar “decepcionado”. “Como país imos saír mellor pero non quere dicir que todos, sempre hai xente que non pertence ao grupo dos sensatos”, reflexionou, incluíndose entre os culpábeis de que a sociedade non recibira ben a mensaxe do risco existente.

“Até hai dous días diría que podíamos agardar que continuara a tendencia descendente, que tiñamos a oportunidade de non ter cuarta ola, pero agora mesmo non o sei”, comentou. “Nin eu nin ninguén en España pode saber cantas persoas van volver ingresar nas UCI”, lamentou.