Sachando futuro: sementando vínculos, sostendo a vida dende o común

Unha das actividades do programa Sachando Futuro. (Foto: Sandra Lorenzo)
Sandra Lorenzo forma parte do proxecto Sachando futuro.

No monte comunal de Castrelos, na periferia de Vigo, dezaseis novos reunímonos durante seis meses para coidar a terra, aprender dela e entre nós. O que comezou como un proxecto de reforestación foi tamén unha experiencia de reencontro co colectivo, o non mercantilizado e o posible. Esta é unha crónica desde dentro dunha semente que xa está a brotar.

O pasado 21 de xuño, en pleno solsticio de verán, pechamos un ciclo. Durante seis meses compartimos un proceso de rexeneración persoal e ambiental no monte comunal de Castrelos, nunha zona subrural de Vigo. O noso proxecto chamouse Sachando Futuro, e naceu como iniciativa do Corpo Europeo de Solidariedade, pero para nós foi moito máis que iso: foi unha aposta por cultivar a vida. Este proxecto foi impulsado desde a Asociación Sociocultural Ecolectivo e RaizameVivo. O ecolectivo, como espazo físico de sostén do proxecto, foi un mundo novo para nós. Chegar a un espazo e sentir que este che abraza, que sente no unha harmonía, un equilibrio onde sente o respecto pola terra e polas persoas que a habitan, onde se respectan os horizontes, expándense as raíces e dáse liberdade aos tempos e sinerxías da terra. Pola súa banda, RaizameVivo, achegou ao proxecto sinerxías coa súa gran rede de profesionais que loitan, interveñen e investigan para unha transición eco-social posible.

Reunímonos dezaseis novos de diferentes realidades e traxectorias, pertencentes á área de Vigo e arredores. Algunhas viñamos con inquietudes sobre sustentabilidade, outras buscando rede despois da etapa universitaria, outras simplemente co desexo de atopar un raio de esperanza. En común tiñamos a necesidade de tocar terra, de construír comunidade e de habitar espazos sen que mediase o diñeiro.

Actuamos nunha pequena parte do Monte da Serra, nun espazo cedido pola Comunidade de Montes de Castrelos, en colaboración coa mesma. A pesar de estar preto do centro urbano, fora abandonado tras séculos de extracción mineira e repoboacións forestais erradas. A Acacia dealbata, unha especie invasora que empobrece o chan e despraza especies autóctonas, colonizara gran parte do terreo.

Ademais, o monte comunal enfrontábase a unha ausencia de substitución xeracional, unha ausencia que reflicte a desconexión ambiental que cada día arrásanos máis, así como o enfraquecemento dos vínculos comunitarios. A maioría de nós, nin sequera coñecemos ás nosas veciñas de á beira, carecemos de espazos abertos de encontro que non sexan mercantilizados, carecemos de espazos que nos permitan crear redes interxeracionais, e de estruturas sociais que fomenten unha comunicación libre, espontánea e onde a escoita activa se real e non interrompida pola pobreza do tempo, que ata mide as nosas interaccións cotiás. Vivimos inmersos nas nosas burbullas: algunhas búscamos entender o mundo, outras construír outro novo, e outras simplemente vivilo.

En sachando futuro, aprendemos a coñecer a nosa contorna máis próxima, a poder camiñar polo desde unha atención plena, activando os cinco sentidos. Fixemos un extensivo labor de reforestación da especie invasora Acacia dealbata. A pesar de ter como referencia en Galicia o eucalipto como principal especie invasora, a Acacia tamén ameaza fortemente as nosas terras, producindo unha gran acidificación de chans, consumindo numerosos recursos hídricos e desprazando especies nativas. A eliminación da especie, fíxose a través do pelado, para xerar un secado na árbore no seu conxunto, e conseguir así debilitar as súas raíces.

O labor de reforestación ía moito máis alá, mentres realizabamos o pelado das acacias, emerxían diálogos, inquietudes e construïamos coñecementos e afectos. Os espazos de encontro estaban cheos de aprendizaxe e loitas. Poñer nome e enunciar, xa é revolucionario en si mesmo, e ter espazo onde poder enunciar aquilo que está a pasar, poder falar de Altri, de Palestina, de diferentes alternativas de vivenda como as ecoaldeas, ou concepcións de entender o mundo como a permacultura, e intercambiar saberes informais, inquietudes...xa foi transformador en si mesmo. Cada unha coas súas experiencias e coñecementos, moitas moi afastadas dos activismos, poñendo voz a iso. Xerando comunidade, e dando parte dos nosos tempos á terra, sen nada ao cambio, sen intercambios mercantilistas e monetarios polo medio. O saber non estaba nos libros, senón nas mans, nos silencios, en escóitaa. E nas sementes.

Máis aló da acción ambiental, Sachando Futuro foi unha experiencia política no sentido máis vital: recuperamos o vínculo co territorio, tecemos comunidade desde a horizontalidade e apostamos por unha forma de estar que non se basea no rendemento nin no intercambio monetario. Este proxecto tamén nos permitiu sentir, desde o cotián e o corporal, a fraxilidadedo territorio. Nun momento de ofensiva extractivista, onde megaproxectos como Altri ameazan con arrasar os ecosistemas galegos baixo a falsa promesa do "progreso verde", coidar un bosque comunal, desde a lentitude e o afecto, foi tamén unha forma de resistencia. Non desde a teoría, senón desde a terra baixo as uñas. Sachando Futuro ensinounos que protexer a vida implica, tamén, recuperar a sensibilidade para nomear o que está a ser danado. E facelo desde vínculos que non se poden cuantificar.

Ademais, o coidado non quedou na terra, senón que se extrapolou ás persoas e os procesos. Cada encontro organizábase de forma asemblearia: rotabamos tarefas, escribiamos actas, coidabamos a benvida, documentabamos as plantas que aparecían ese día, xestionabamos colectivamente os materiais. Non había xerarquías nin expertos, había aprendizaxes. Non había metas produtivistas, había escoita. O común non era unha consigna: era unha forma de estar. Nun mundo onde cada vez temos menos espazos onde simplemente estar sen pagar, sen consumir, sen producir... habitar así o monte foi revolucionario.

Habitar un espazo, sen necesidade de mercantilizalo, sen buscar rendibilizalo, nin ter que gastar diñeiro por ocupalo. Simplemente habitalo, gozalo e sentilo. Foi todo un exercicio de enraizamento persoal, e de reconectar doutra forma co territorio. Ocupando un espazo de forma diferente á que sempre fixeramos, e á súa vez, conectando co corpo desde outro espazo de paz.

En Sachando Futuro, entendemos que o futuro se sementa. Que sachar —remover a terra para osixenala, preparala— é unha metáfora perfecta para o que fixemos: preparar o terreo para mundos onde o coidado, a cooperación e a conexión coa terra sexan centrais. Agora que o ciclo pechouse, moitas seguimos vinculadas. Outras emprenderon novos proxectos. Pero algo quedou en todas: unha semente. A certeza de que outra forma de estar xuntas e coidar a vidanon só é posible, senón urxente. E que a substitución xeracional se é posible. Somos moitas as novas dispostas a soster a terra que habitamos e a coidarnos entre nós.