@s comuneir@s galeg@s organízanse para frear a privatización dos montes veciñais
O V Congreso Galego de CCMM analizou en Lugo as estratexias para reverter as intencións da Xunta de ''sacar as terras comunitarias á veciñanza ara servirlla en bandexa a empresas privadas'', en palabras de XA Pereira.
Lugo acolleu hai uns días o V Congreso galego de comunidades de montes e o II Encontro europeo de montes veciñais, ambas as dúas organizadas pola Orgaccmm (Organización galega de comunidades de montes veciñais en man común). Citas nas que sobre a mesa se puxeron relatorios e debates sobre o modelo de rural que se quer, sobre os intereses “especulativos, urbanísticos, empresariais” que pairan sobre as terras comunais, sobre como responder a esas ameazas...
X.A. Pereira, presidente da Orgaccmm, indica que o V Congreso decorreu sobre 2 eixos principais: a política de montes actual (que xira en torno a unha lei aprobada ensolitario polo PP e sen consenso social) e a resposta a ela. Pereira di que “dun tempo a esta parte” desde o goberno galego do PP estase “a tentar acar as terras comunitarias á veciñanza e darlla ás empresas privadas”. Intereses forestais, de empresas enerxéticas... agardan tirar proveito.
Ideas para potenciar o rural
“Se non poden privatizar a titularidade desas terras, inténtano coa xestión das mesmas”. Esa é a folla de ruta, afirma Pereira, da Xunta sobre os montes comunais. Un escenario que @s comuneir@s non semellan dispostos a consentir.
O presidente da Orgaccmm, cargo para o que Pereira foi reelecto neste V Congreso, acredita na necesidade de apostar pola xestión comunitaria dos recursos como trabe sobre a que edificar a resposta á política de montes do PP. “E iso require organización, gobernanza”, apunta.
Móstrase convencido de que a través das ferramentas de participación (asembleas, xuntanzas...) hai que sumar “mocidade” a este compromiso. Aliás, apunta a que estes montes son un verdadeiro potencial de emprego e riqueza sustentábel para o rural. “Por aí tamén temos que traballar, en proxectos entre varias comunidades para impulsar iniciativas agro-gandeiras, de aproveitamento da masa forestal...”