Rueda pide ao Goberno español que envíe “non menos de 200 militares” para vixilancia e control dos incendios

Soldados vixiando o monte. (Foto. Exército de Terra)

Alfonso Rueda insiste na intencionalidade da maioría, con 39 novos focos xurdidos na xornada da sexta feira.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, admitiu que este sábado volve ser un día "complicado" para facer fronte aos incendios polo número de focos existentes, pero tamén polas condicións meteorolóxicas, e insistiu na necesidade de máis medios, entre os que citou os materiais, e polo menos 200 militares. "Pedimos que se incorporen máis soldados, todos os que sexan posíbel e non menos de 200", recalcou. Esta demanda trasladáronlla xa ao Goberno español, segundo explicou após celebrarse este sábado a reunión do Comité Estatal de Coordinación (Cecod) contra os incendios, presidida por Pedro Sánchez.

Mais estes días agroman con forza as dneuncias de falta de medios e persoal. A falta de persoal nas brigadas forestais foi denunciada esta sexta feira por sindicatos e traballadores. Así, o sindicato CSIF alertou "da grave situación no servizo de extinción pola falta de cobertura de 200 postos" no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF).

Acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, após unha visita ao Centro de Coordinación Operativa (Cecop) de Ourense para facer o seguimento da situación dos incendios forestais, o titular do Executivo galego precisou que son doce os lumes activos, dez na provincia de Ourense.

"Todos os días están a producirse moitos incendios, onte 39 lumes novos dos que os servizos de extinción puideron apagar 29", engadiu para incidir na magnitude da vaga de incendios e tamén no feito de que en moitos deles os indicios apuntan a que son provocados.

"Cando se sabía que non había medios de extinción porque estaban ocupados noutros lugares", remarcou en relación á intencionalidade. Mentres, explicou que o fume derivado dos lumes fixo que as bases de Ourense estean inoperativas para que os medios aéreos poidan operar o que non poderán facer ata que se reduza a incidencia do mesmo.

Rueda agradeceu os avións desprazados desde Francia pero precisou que xa se retiraron após estar operativos unha mañá e unha tarde e insistiu en que na chamada que mantivo co presidente Sánchez reiteroulle "a necesidade de máis axuda a maiores da que estamos a ter".

Nesta xornada, engadiu, remitíronselle as necesidades expostas polos técnicos entre as que citou 20 vehículos para movemento de terra, dous helicópteros ou avións para tarefas de coordinación, 30 motobombas, tres vehículos de 25.000 litros para abastecemento de camións de extinción e ao redor de 200 soldados para vixilancia e control "e axudar e asistir ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e Protección Civil", sinalou citando o traballo en labores de evacuación.