Rueda pide ao Apóstolo "recuperar a integridade" de España e o arcebispo denuncia a “barbarie” de Gaza

Alfonso Rueda e Francisco José Prieto. (Foto: Arxina)

Francisco José Prieto alzou a voz na Ofrenda ao Apóstolo en defensa dos refuxiados: "Nin violencia racista nin criminalización colectiva".

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que exerceu como delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo Santiago, urxiu a "recuperar a integridade e o respecto á lei" nunha España "enfrascada na polarización extrema" e "manchada por prácticas impropias de persoas decentes".

No seu discurso na Catedral, Rueda pediu ao Apóstolo, "señor Santiago", "recuperar a credibilidade e a lexitimidade de organizacións e institucións" no Estado español.

Deste modo lanzou a petición ao Apóstolo Santiago de "inspiración e acerto para todos os gobernantes" e as "persoas que se enfrontan á toma de decisións que repercuten na vida dos demais", ademais de apelar a construír unha Galiza "próspera".

A Catedral de Santiago, como é tradicional cada 25 de xullo acolleu a eucaristía para conmemorar o Apóstolo Santiago,, na que participaron autoridades civís e militares.

Nesta misa estiveron, entre outros, o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices ; o delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco; e o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo. Previamente, na Praza do Obradoiro, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou no saúdo ás autoridades.

Pola súa parte, o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, dixo "alzar a voz" en defensa dos migrantes e refuxiados, xa que tacha de "inaceptábel" utilizalos "como arma política", "cando xa acumulan a dor polo desarraigamento e o abuso das mafias". "Han de ser acollidos desde a legalidade e a fraternidade", asegurou, ademais de mostrar a súa "máis firme condena: nin violencia racista nin criminalización colectiva".

No seu discurso con motivo da Ofrenda ao Apóstolo Santiago neste 25 de xullo, Prieto tamén lanzou unha mensaxe de "paz" para que remate a "barbarie" en Gaza. "Poñamos xa fin a esta dramática situación humanitaria", clamou. Igualmente, reclamou o fin do "sufrimento do pobo ucraíno nunha guerra sen sentido".

Ademais, dixo "alzar a voz" tamén en defensa de "quen está sufrindo moi graves inxustizas": "Vítimas das guerras, mulleres escravizadas en trátaa e na prostitución; a falta de vivenda e dun traballo digno e seguro".